Nacionalismo de balcón

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

12 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a bandeira dun Estado é utilizada como instrumento de combate político por unha parte da sociedade contra outra, cada unha con diferente representación política, estase promovendo unha fractura en toda regra. Cando ese uso é prolongado a fractura agrándase, e pode deixar de ser política e social para converterse en ruptura da convivencia e mesmo do Estado. Ese parece que será o camiño polo que iremos nos próximos cen días, ata as eleccións de maio. O que chaman «la España de los balcones» empezou polo uso político da bandeira española no contexto dun conflito territorial entre partidos cataláns, entre Cataluña e España, entre o Goberno do Estado e o catalán, ou como se prefira dicir, segundo o campo de xogo ideolóxico escollido; pero dende a manifestación do domingo o conflito pasou a ser social e político entre españois de esquerdas e de dereitas. O uso da bandeira é a súa peor expresión.

Non sei se os dirixentes das dereitas se decatan de que os votantes do PSOE e Podemos, digan o que digan os seus líderes, non van usar a bandeira amarela e vermella como marcador político. Úsana cara a fóra, coas seleccións deportivas, pero non para definirse politicamente no interior. Se os dirixentes da dereita non o saben, malo; se o saben e buscan no uso da bandeira un campo de conflito para definir adhesións, peor: como moito conseguirán apropiarse -expropiar- símbolos da cidadanía do pacto constitucional, que teñen unha limitada capacidade cultural para achegar adhesións libremente. Por qué isto é así só pode entenderse dende a Historia e Balfour; Serrano e o Núñez Seixas téñeno explicado con fundamento. Pode que estes dirixentes queiran pelexarse coa Historia ou cambiar o pasado, e tamén pode que queiran cambiar o presente, pero nunca pola vía simbólica que están escollendo sen crebar a convivencia.

Antes da bandeira foi a lingua.

Vivimos nun Estado e un mundo plurinacional e policultural, no que os idiomas son unha riqueza, recoñecida e garantida pola Constitución, e mesmo unha vantaxe económica avalada polo mercado, pero volvemos ao tempo da Transición para explicar o dereito de falar, escribir, vivir, estudar, opositar e traballar en galego. Mais a bandeira non é a lingua: quixeron reducir o uso do galego na escola, e fíxose, pero ninguén pode obrigar a pendurar unha tea na casa.

O nacionalismo de balcón de Rivera, Casado e outros debe facer pensar qué entendemos por nacionalismo na linguaxe política e cotiá española. O nacionalismo é un artefacto cultural, xurídico e político, que os historiadores analizamos como pasado, e que recupera axiña a capacidade para ser instrumento de combate e confrontación en conxunturas como a da Europa actual. Pero en Alemaña e Francia, cando falan do rexurdir do nacionalismo, non se refiren a Córsega ou Baviera: falan deles mesmos e da capacidade excluínte dos seus nacionalismos de Estado. En España, metidos nun bucle intelectual, perdeuse a perspectiva de que o nacionalismo perigoso é o que ten detrás ao Estado e aos seus aparatos. Pensando historicamente o presente comprobamos decote que algúns teñen a nación no corazón e o Estado na cabeza, pero seguen tendo o imperio nas gónadas.