Rebelión?

Jordi Nieva Fenoll AL DÍA

OPINIÓN

11 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se pode negar a gravidade do acontecido en Cataluña entre setembro e outubro do ano 2017, pero tampouco se pode esaxerar. As leis teñen moitas respostas para os problemas que van xurdindo na sociedade, e a resposta do dereito penal é a última, a máis extrema, e, porén, hai que reservala para situacións que non poidan atopar outra solución.

Neste caso, observado con frialdade e sen emocións, é dicir, coa mirada dun estranxeiro, o que aconteceu foi que uns políticos querían consultar aos cataláns sobre a independencia do territorio onde viven. Sabían que non tiñan a competencia para facelo, porque quen si a tiña, o Goberno español, negou esa posibilidade. A partir de aquí, as opcións eran só dúas: ou ben os políticos cataláns acataban o que dicía o Goberno ou acudían a unha moi discutible lexitimidade democrática por enriba das leis, para preguntar á xente coma se fixesen unha enquisa.

Escolleron o segundo camiño, e fixérono do peor xeito posible, curiosamente querendo facer as cousas formalmente ben. Por iso aprobaron dúas leis, prescindindo do procedemento parlamentario, para celebrar o referendo e garantir os seus resultados.

O Tribunal Constitucional respondeu coa suspensión das leis, pero o referendo celebrouse igualmente sen as garantías democráticas que daban esas leis. Nestas condicións, o resultado da consulta claramente non foi válido.

Puigdemont estivo a piques de convocar eleccións autonómicas, pero finalmente propiciou unha inefectiva declaración parlamentaria de independencia de Cataluña. Os poderes españois suspenderon poucas horas despois a autonomía. Non houbo a máis mínima resistencia. Todo o poder foi asumido inmediatamente pola Moncloa dende Madrid. Despois, o único que o Goberno atopou nos funcionarios cataláns foi colaboración.

Fixo falta o dereito penal para normalizar a situación? Non. As autoridades autonómicas exerceron violencia e retiveron o poder despois do 155? Non. A única violencia veu da forza policial, tentando en balde impedir a votación. De feito, esa forza cesou tan pronto como saíron as primeiras imaxes que impactaron a prensa mundial, porque a policía non reprimía a persoas que organizaran unha revolución violenta, senón a cidadáns que só querían votar. En realidade, o «referendo» foi finalmente unha simple mobilización cidadá coma calquera manifestación ou acto reivindicativo, sen ningún efecto xurídico. Así o viron os xuíces alemáns, sen que houbera violencia propia de calquera insurrección

?lumes, barricadas, saqueos, etcétera? e por iso ditaminaron que non houbo rebelión. O que dirá o Tribunal Supremo está por ver.