Madariaga, un demócrata para estes tempos


Cando un político nos prevén da manipulación da historia adoito disponse a manipulala. Seguramente por iso ningún dos que se din liberais na España de hoxe citan ou lembran sequera a Salvador de Madariaga, moi ben definido polo historiador Emilio Grandío como demócrata e pacifista e como poliédrico -porque tal foi o século que lle tocou vivir (1886-1978)- polo mestre Xosé Ramón Barreiro. Este Madariaga, esquecido hoxe por todos os liberais que por España pululan voceando consignas, foi precisamente o primeiro presidente da Internacional Liberal despois da súa constitución no congreso da Haia de 1948. Choca por iso o seu esquecemento entre os que deberan reclamalo, pero a razón hai que buscala no conxunto da súa completa, complexa e longa biografía, que estes sobrevidos liberais que nos asaltan non son quen de asumir na súa totalidade.

A saber. Madariaga foi un republicano comprometido e consciente, exiliado antifranquista sen sombra de dúbida, europeísta antifascista nos anos escuros, e foi tamén antirrevolucionario, contrario á revolución social que algúns sectores promovían nos anos trinta; pero nunca, nin por esas, conivente coas ditaduras, e menos aínda coa de Franco. Nunca se lle escoitaron palabras como as que estes días pronunciaron o Rivera de C’s ou o socialista Guerra. Non a el, que tanto traballou dende as emisións en español da BBC contra a longa ditadura de Franco, ou que en 1963 foi principal organizador do chamado Contubernio de Múnic. Tamén foi anticomunista na época da guerra fría, profundamente antisoviético e colaborou co Congreso para o Progreso da Cultura, directamente artellado polo departamento de Estado ianqui. Poliédrico. Enxeñeiro de minas de profesión, profesor de linguas en Oxford, este diplomático pensou dende a Sociedade das Nacións, e sobre as ruínas da Primeira Guerra Mundial, o mundo dos dereitos universais que a ONU construíu despois da segunda.

Chamado polo seu amigo Casares Quiroga, foi deputado galego da Orga en 1931, pero tamén brevemente ministro dun gabinete de Lerroux. Pese ao seu longo exilio de corenta anos, mesmo por iso, foi tan coruñés que se empeñou en que o seu legado documental fora depositado na súa cidade. Despois do golpe de xullo de 1936, o seu pacifismo e o seu compromiso coa República levouno a promover sucesivos e diplomáticos plans de paz que hoxe coñecemos mellor grazas ao traballo de investigación histórica baseado no Fondo Documental Madariaga, que dende o Instituto de Estudos Coruñeses e co apoio do Concello da Coruña está a desenvolverse para coñecer mellor esta figura. Este coñecemento devirá sen dúbida nunha reivindicación ben fundamentada do rol político e da visión europea, democrática, pacifista e antifascista deste diplomático galego universal. Quen controla o pasado controla o presente, e por iso nestes tempos de cambio hai tantas apelacións ao pasado; e por iso tamén chama a atención tanta reivindicación do liberalismo sen referentes liberais: unha segura pista para atopar falsificacións e camuflaxes políticas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
34 votos
Comentarios

Madariaga, un demócrata para estes tempos