Emerxencia sanitaria

Eva Solla EN LIÑA

OPINIÓN

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A sanidade galega é noticia cada día por conflitos que afectan a todas as áreas: os PAC, as urxencias, a carencia de pediatras, a atención primaria... Todos estes conflitos teñen un fío condutor: a falta de medios, e sobre todo a falta de persoal.

O malestar das persoas que traballan na sanidade pública queda plasmado na dimisión do 80 % das xefaturas de servizo de atención primaria da área sanitaria de Vigo. Son 25 profesionais de longa experiencia, que durante anos xestionaron con enorme responsabilidade a falta de recursos. Ata que xa non puideron máis. Na carta que dirixiron á consellería explicaron as razóns da súa dimisión. Razóns que falan da súa decencia persoal e profesional: non queren ser cómplices do deterioro insostible do sistema sanitario, non queren xestionar a miseria.

Teñen toda a razón, porque os recursos destinados ao sistema sanitario sufriron un durísimo recorte provocado polas políticas de austeridade impostas a partir de 2009. Na época máis dura do mal chamado axuste, o gasto sanitario en Galicia caeu en case 700 millóns de euros en tan só dous anos, un 16 % de retroceso do que aínda non nos recuperamos oito anos despois.

Un brutal recorte que afectou de forma especial aos dous factores clave para a calidade do sistema: o persoal e as instalacións e equipamentos. O gasto en persoal retrocedeu un 15 % ata 2014, porque recortaron o número de persoas que traballan na sanidade e porque se reduciron os seus salarios. O investimento, nese mesmo período, caeu un 65 %, porque apenas se abren novos centros de saúde e non se renovan os máis antigos, moitos dos cales contan con importantes barreiras arquitectónicas.

O resultado é un empeoramento nas condicións de traballo que se traslada a un deterioro na prestación dos servizos. Porque non é certo que con menos se poida facer máis, por moito que os profesionais da sanidade se esforcen. Que o fan. Mesmo o di o Consello de Contas, que sinala que os recursos para atender as necesidades reais do sistema sanitario galego son insuficientes.

Case a metade do orzamento da comunidade autónoma invístese en sanidade e por iso unha parte significativa dos recortes sufriuna o gasto sanitario. Pero o deterioro non ten orixe só na economía, senón tamén na ideoloxía, porque deteriorar a sanidade pública é o camiño máis curto para a privatización, para impulsar a sanidade privada, que non deixa de medrar. Nos últimos días coñeciamos que se dispararon as contratacións de pólizas de saúde privadas, síntoma das insoportables listas de agarda. A tendencia continuará sendo esa, adelgazando o sistema público de xeito progresivo.

Non podemos consentilo. O sistema público de saúde é unha enorme conquista social, determinante no benestar da cidadanía, que temos a obriga de defender a toda costa. Dez anos de austeridade son demasiados. A xente xa non pode máis. Os recortes están desgarrando as costuras sociais, porque os servizos públicos, as persoas que traballan neles e as usuarias xa non poden soportar por máis tempo o deterioro do público, sexa na sanidade, no ensino ou na protección á dependencia.