Taxi: regular a desregulación

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Juan Medina

29 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As folgas de taxistas que estamos vendo en Madrid e Barcelona teñen moito de revelación dos cambios do mundo de hoxe, dos aparentes e dos reais. A cuestión vén sendo cómo apareceu nos últimos anos un novo sector do taxi, que non se chama taxi pero fai o mesmo que os taxis. Nunca vin un VTC, nin o empreguei, non reparei neles nin me chamaron a atención, e por iso intrígame como se chegou a esta situación. Coñezo formas de transporte e desprazamento colaborativas de grande éxito, baseadas no uso de aplicacións para móbiles, que supoñen unha actualización e extensión das vellas formas de compartir coche (ou piso) grazas ás tecnoloxías. O máis parecido a estes vehículos de turismo con condutor son as compañías de limusinas, tan comúns nas cidades norteamericanas, ou os taxis de luxo, de uso extraordinario e ás veces extravagante. Pero, como demostra o conflito do taxi, isto é outra cousa.

 De entrada choca que as folgas só atinxan a esas dúas cidades do Estado, seguramente porque outras máis pequenas carecen de masa crítica para pensar e executar con éxito as protestas, ou posiblemente porque o que consigan os taxistas barceloneses e madrileños beneficiará aos de todo o Estado, mentres os demais seguen traballando. Non se trata dun sector con grande tradición sindical laboral, senón máis ben con conciencia patronal, ou mesmo como cooperativa ata agora mesmo. Asombra a moitos que non se trata dun conflito entre traballadores e empregadores, senón entre traballadores que empregan diferentes métodos. A historia do capitalismo está chea destes conflitos; aínda lembran os mariñeiros das Rías Baixas cando os da arte do xeito pelexaban cos da traíña.

As novas regulacións do mercado, que en realidade buscan a súa desregulación, están obrigando a convivir dúas fórmulas idénticas de transporte público urbano pero profundamente asimétricas na súa estrutura empresarial, na súa regulación e, sobre todo, nos seus impostos e as súas obrigas públicas. O taxi é un sector de moitos traballadores autónomos e algunhas cooperativas, aínda que nos últimos anos estendéronse a compra de licenzas e a contratación de empregados, prácticas das que saen pequenos empresarios, mentres que o característico dos VTC é a concentración en poucas compañías e moi poucos donos. Non é menor a diferenza de ingresos entre uns e outros traballadores, sempre a favor dos taxistas, que logran, segundo todos os datos, salarios máis remuneradores. Outra ten que ver cos impostos e obrigas, pois o do taxi é un sector sometido a controis, impostos e regulacións ben definidas, chamadas tradicionais, e o novo sector benefíciase de todas as marxes que permite a desregulación, chamada moderna.

A guerra da imaxe non é o menos importante neste conflito: a identificación do taxi con tradición e inercia fronte á aparente novidade (limpa e tecnolóxica) das compañías non é máis que un xogo de mercado e comunicación. Os propagandistas VTC afirman que todo ten que ver co cambio tecnolóxico e coa atención a novas demandas do mercado. Por máis que busco non atopo vantaxe tecnolóxica ningunha, senón ideolóxica. A desregulación e os seus poucos beneficiarios.