Galiza por diante

Ana Miranda EN LIÑA

OPINIÓN

29 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chama a atención o afán de minusvaloración -e mesmo degradación- que realizan certos opinadores da dereita sobre a toma de acordos estratéxicos do BNG para que Galiza siga contando no Parlamento Europeo cun escano útil e eficaz para a defensa dos intereses do noso país. É unha mágoa que a cultura do acordo, común na Europa moderna, sexa desprezada cando a practicamos uns e se poña en valor cando os pactos son entre PP, Ciudadanos e Vox. 

O espazo da dereita civilizada quedou baleiro e hoxe asistimos á radicalización do seu discurso, que ataca todo o que soe a diversidade, liberdades e dereitos, desde a lingua á igualdade de xénero, desde o dereito ao aborto á sanidade e o ensino público. O españolismo saíu do armario e está á ofensiva. E fronte ás súas políticas de fake news, de crispación, de desigualdade e de imposición da «España una», o BNG amosou capacidade para, ao tempo que garantimos que Galiza teña en Bruxelas quen a defenda, axudar a crear un espazo aberto e amplo, que se ofrece como resposta cívica das persoas demócratas do conxunto do Estado fronte á involución democrática.

 Cómpre lembrar un pouco da historia do BNG no Parlamento Europeo, onde levamos desde o 2004 con acordos de coalición, motivados pola circunscrición electoral estatal destes comicios. Estivemos con organizacións vascas e catalás de diversas tendencias, e sempre tendo plena autonomía de actuación nos temas galegos.