Un fracaso que descapitaliza a Galicia

Manuel Lago
Manuel Lago EN LIÑA

OPINIÓN

28 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A estratexia de captación de investimento exterior en Galicia é un absoluto fracaso, algo especialmente preocupante na fase actual de economía globalizada. Nos últimos 25 anos, Galicia recibiu menos do 1 % do investimento estranxeiro realizado no total de España. É certo que existen poderosas razóns para a concentración do fluxo de inversións na capital do Estado, pero aínda así os datos de Galicia son moi malos, especialmente cando se analizan en detalle. Porque as empresas galegas invisten no exterior moito máis do que invisten aquí as de fóra. Cada ano saen de Galicia 700 millóns, pero só recibimos 150. Temos un déficit permanente de capital que se produce ano tras ano, ata acumular a enorme cifra de 13.430 millóns de euros dende 1993.

Un dato serve para valorar a relevancia que ten este desequilibrio exterior: esta cifra multiplica por máis de 50 o investimento anual da Xunta en política industrial, incluíndo o apoio aos sectores produtivos e o I+D+i.

Levamos tres décadas sufrindo una gravísima descapitalización do noso país. Temos un enorme burato polo que marchan fóra recursos necesarios para o desenvolvemento económico de Galicia. Hai moito por facer, porque para pechar esa vía pola que perdemos riqueza fai falla multiplicar por cinco veces a captación de investimento exterior. Pero é que, ademais, o investimento estranxeiro que vén, na súa inmensa maioría, non ten como finalidade crear novas empresas, senón que se reduce a comprar empresas xa existentes. É unha inversión que non crea riqueza porque non serve para aumentar a actividade e o emprego; limítase a un cambio de titularidade dos accionistas, algo que mesmo pode ser negativo porque os centros de decisións das empresas marchan fóra de aquí.

Galicia capta pouco investimento, e este ten, nalgúns casos, unha dubidosa procedencia. Por exemplo, no 2015, a metade do capital que recibimos tivo como orixe as illas Virxes, un paraíso fiscal de enorme opacidade. Pero talvez o máis preocupante é que, en vez de mellorar, empeoramos. De xaneiro a setembro do 2018 -último período con datos coñecidos- Galicia recibiu menos do 0,2 % do total do investimento exterior en España, unha cifra ridícula, corenta veces menor que o noso peso no PIB do Estado.

Aínda máis: no ano 2018, o primeiro de vixencia da denominada Lei de Fomento Empresarial, o investimento captado é a metade do conseguido no mesmo período do 2017, o que pon en cuestión a eficacia do proxecto estrela da Xunta para facer de Galicia un territorio máis atractivo para o investimento á custa de reducir os requisitos medioambientais. Esta é a realidade que reflicten os datos oficiais, que se poden consultar na base Datainvex do Ministerio de Industria. Fronte a eles deberiamos preguntarnos pola eficacia da estratexia de internacionalización da Xunta, dotada con importantes recursos, pero tamén pola utilidade real para Galicia das viaxes do seu presidente ao exterior, vendidas sempre como delegacións comerciais, nas que moitas veces se anuncian grandes proxectos de inversión en Galicia que, como se pode comprobar, non pasan de ser operacións de imaxe e propaganda.