O 22 de xaneiro de 1939, catro días antes da toma de Barcelona pola tropa franquista, un grupo de intelectuais españois que residían na capital catalá foi evacuado camiño da fronteira con Francia. Nese colectivo figuraban nomes moi ilustres das Letras e da Ciencia, entre eles Antonio Machado, Carles Riba, Corpus Barga, Joaquín Xirau e José M. Sacristán; tamén figuraba TNT (Tomás Navarro Tomás), sabio e nobre cidadán que, lonxe de militar na causa dos explosivos (trinitrotolueno), militou sempre na causa das palabras. O profesor Navarro Tomás, antes e despois da guerra de España, dedicou o seu talento e os seus saberes ao estudo do español (fonética, métrica, dialectoloxía…). Foi o director real dunha obra magna, o Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, do que só se publicou, en 1962, o primeiro volume (ían ser dez). Nesa empresa traballou o noso paisano Aníbal Otero (1911-1974), quen pagou con cinco anos de prisión (1936-1941) a súa meticulosa colaboración fonética.
No trienio bélico Navarro Tomás asumiu dúas importantísimas responsabilidades: a de director da Biblioteca Nacional (Madrid) e a de director do Patrimonio bibliográfico e documental. As súas xestións, desde este posto, salvaron, entre outras, a biblioteca do sacerdote Antonio Rey Soto, unha das grandes bibliotecas galegas, hoxe custodiada polos mercedarios no mosteiro de Poio (quen alertou ás autoridades bibliográficas do Goberno da República foi Castelao).
En 1936 o nome de Navarro Tomás xa era un nome preclaro nos eidos da fonética, da dialectoloxía e da xeografía lingüística, e nel pensaron as autoridades políticas para encomendarlle as responsabilidades culturais sinaladas. A historia do libro e das bibliotecas na España en guerra non se pode escribir sen coñecermos as actividades e os esforzos de don Tomás Navarro. De bibliotecas e de libros falou en Moscova, en 1937, con Nadezhda Krupskaya, viúva de Lenin, daquela responsable da política bibliotecaria da Unión Soviética. Cóntao o ilustre lingüista nun opúsculo no que, á beira de observacións fonéticas sobre o ruso e o xeorxiano (o idioma de Stalin), hai consideracións políticas coma esta: «Cualquier país atropellado por la violencia imperialista del fascismo y cualquier movimiento social encaminado a mejorar la situación de las clases proletarias contaría con la simpatía de la Unión Soviética».
Xa aquí cómpre saber que o profesor Navarro Tomás nunca militou en ningún partido español máis ou menos revolucionario (nin no comunista, nin no socialista, nin no anarquista). Era un home de ben, republicano próximo ao pensamento de don Manuel Azaña, trazos suficientes para aceptar responsabilidades políticas na España republicana desde os primeiros días da sublevación militar. Asombra e conmove, nun cidadán non revolucionario, a lealdade activa á causa da República, lealdade que non tiveron Menéndez Pidal, Ortega y Gasset, Américo Castro e Gregorio Marañón, entre moitos outros. En abril de 1938, Federico de Onís, profesor en Nova York na Columbia University, estampaba nunha carta aberta a Antonio Machado e Navarro Tomás: «He seguido desde lejos […] vuestra labor y la de los intelectuales españoles que en esta hora grande y trágica de España han cumplido sencillamente con su deber. La he seguido con admiración y viva simpatía. Así os lo digo para que sepáis que hay uno más que está a vuestro lado» (La Vanguardia, 26-5-1938).