Demagoxia, posverdade e outras historias

Rosario Álvarez FIRMA INVITADA

OPINIÓN

23 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das características do noso tempo é unha sorte de crise do coñecemento, manifestada tanto na fachenda con que se exhibe impudicamente a ignorancia como na proliferación do hábito de proclamar especulacións ou ocorrencias coma se fosen a expresión de realidades contrastadas. Por veces semella que só a ciencia ten xa o deber de perseguir e capturar a verdade, empregando a especulación como parte do método científico mais sen chegar nunca a confundila cos feitos. Desde logo, semella que moitos políticos e creadores de opinión non se senten concernidos polo valor do coñecemento á procura da verdade.

Nos últimos anos comezou a circular entre nós o termo posverdad (en galego, posverdade), calco directo do inglés post-truth, definido pola RAE como «Distorsión deliberada de una realidad, que manipula creencias y emociones con el fin de influir en la opinión pública y en actitudes sociales. Los demagogos son maestros de la posverdad». Reparen no pernicioso da formación inglesa e da tradución hispánica: sendo como é unha variedade de mentira manifesta, a forma acuñada simula que se trata dun tipo de «verdade».

Este é o marco no que hai que analizar e entender as palabras do secretario xeral de VOX sobre a situación sociolingüística de Galicia: entre a ignorancia fachendosa e o desprezo pola verdade, distorcendo a realidade en beneficio da proclama política que busca crear un estado de opinión favorable aos seus intereses desestabilizadores.

Ante afirmacións tan contundentes, cabe preguntar que datos apoian esas aparentes «verdades»: que porcentaxe de familias galegas teñen os fillos cursando todo en español, contornando a legalidade, e cantas poden facer o mesmo en galego?, en que medida os nenos e nenas galegofalantes inician a escolaridade en español e cantos castelanfalantes o fan en galego?, que grupo fai máis esforzo en relacionarse aceptando a lingua do outro?, en que consiste, con datos, a presunta imposición lingüística e a cal grupo de falantes afecta? Son preguntas retóricas: as respostas son obvias e apoiables con datos.

Fai bandeira da ignorancia quen reclama o «dereito» a descoñecer o galego. De que maneira alguén pode exhibir sen rubor a súa negativa ao coñecemento da lingua do país ao que pertence? Faino mellor persoa e máis preparada carecer dese saber? Como é posible que uns pais e nais pretendan impedir que os fillos e as fillas teñan un dereito que lles recoñecen o Estatuto e a Constitución? E, en última instancia, postos a igualar, onde van os dereitos dos galegofalantes a viviren en plenitude na súa lingua na súa terra, como fan, por caso, casteláns e andaluces na súa?