A rehabilitación é básica, pero con liñas de subvencións

Alfredo García EL DEBATE

OPINIÓN

19 ene 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Os concellos consideramos necesaria a regulación dos inmobles ruinosos, xa que os rexedores e as rexedoras atopámonos con verdadeiros problemas no día a día municipal arredor desta cuestión: maleza e lixo, pragas de animais, problemas de seguridade na vía pública... Pero un dos maiores problemas está na resolución dos expedientes de sanción aos propietarios dos inmobles ruinosos, xa que na documentación destes inmobles, ás veces, non aparece o nome do 100 % dos propietarios, polo que, tras comezar a notificación das súas obrigas aos mesmos, pode aparecer un propietario novo e hai que comezar unha vez máis todo o procedemento. Este traballo resulta frustrante para os concellos, xa que os expedientes de reposición da legalidade non se resolven nunca, converténdose así no conto de nunca acabar.

Con este artigo, dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) non temos a pretensión de dar nin de quitar razóns á lei de rehabilitación de Galicia: trátase de avanzar en cuestións de rehabilitación de inmobles nas cidades e vilas galegas nas que, en moitos casos, estase a asistir á paulatina diminución do patrimonio histórico. É por isto que consideramos estimable que, se os concellos necesitan axuda, se actúe consecuentemente desde a Administración autonómica. Porque temos claro que na rehabilitación está a clave de todo; e aínda nos casos máis graves, nos que podería parecer que a única opción viable fose o derrubamento do propio inmoble, desde os concellos estamos seguros de que o ideal para o municipio seguirá a ser a rehabilitación do espazo.

Agora, no punto no que se atopa o texto, correspóndelle ao Parlamento dilucidar a conveniencia desta lei, e xa que os concellos somos os máis afectados por esta norma, daremos traslado aos grupos políticos da nosa postura para completar o debate. Pero, en xeral, e penso que falo en nome da maioría de alcaldes e alcaldesas, desde o municipalismo consideramos positivo que se faciliten medidas para solucionar un problema que afecta directamente aos concellos.