Quererte

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

17 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai palabras, verbos, que con pronome adosado ganan sentido e razón. Palabras que debes repetir mirándote no espello, abrazándote algunha vez, sen idolatrarte: maldito ego. O verbo é quererte. Así, como es. Con tantos defectos e efectos secundarios. Con cicatrices en medio do corazón e ilusión en medio dos ollos. Hai palabras que curan cando a tristeza deambula, xaneiro de arame, pola túa pel usada. Quererte. Ninguén está máis cerca de ti ca ti mesmo. Neste mundo sobra vaidade e, curiosamente, falta autoestima. Galicia, por exemplo. Sempre carecemos de orgullo en medida xusta. Sacar peito. Estes días de presupostos, como feridas, o noso periódico anunciou con titular luminoso (porque ilumina conciencias): «67 euros menos para cada galego e 93 máis para cada catalán». Contra tanto disparate interesado, cínico e inxusto, só queda querérmonos. En plural e singular, quererte. Cando sintas tentación de tirar a toalla. Cando o frío sexa máis frío nos adentros. Cando a dor rabuñe río arriba da túa pel. Quererte. Hai lugares polos que nunca pasa o sol e outros que abrigan. Non gastes o teu tempo coas cousas menos importantes e céntrate no verbo que titula esta columna. Porque se ti es capaz de «quererte» non vas desperdiciar o teu tempo. É valioso. Dende hoxe, san Antón, fai o que en verdade debes facer. O que desexas facer. O que algúns non queren que fagas. Libremente, quererte. Repousa un instante e pensa en todo o prescindible e aprende por fin a prescindir. Aprende a dicir non cando os demais devezan para que digas si. Aprende a desandar os malos camiños. Nestes días de xaneiro, coas caparelas do xeo colgando dos tellados, aprende a lección primeira: quererte.