Compromiso social

Xoaquín Fernández Leiceaga EN LIÑA

OPINIÓN

17 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As contas do Estado para 2019 só poden ser entendidas desde as limitacións que introduce o contexto político e as esixencias da conxuntura económica e social. A negativa pechada de PP e C`s tanto ao teito de gasto (6.200 millóns menos) como aos propios orzamentos limita á baixa a marxe e condiciona sensiblemente as negociacións. Unha lexislatura curta e a propia precariedade parlamentaria dificultan o impulso a unha reforma fiscal de calado, por exemplo, imprescindible para construír bases mais sólidas.

Os Orzamentos acentúan o nesgo social no gasto, intensificando sobre todo os da Seguridade Social. Tamén se incrementan as axudas fiscais ás familias, as bolsas para estudantes ou as dotacións para políticas de vivenda (practicamente desaparecidas nos últimos exercicios). Aumentan os salarios dos funcionarios e as achegas a comunidades autónomas -base do gasto en educación ou sanidade, en políticas activas de emprego, atención aos dependentes ou ás vítimas da violencia de xénero- e concellos. Este pulo alcista quere responder ás urxencias sociais e introducir algo de enerxía no corpo do estado de benestar, exánime despois dunha década de recortes.

As previsións de ingresos fiscais sitúanse no límite do realismo, en función do cadro macroeconómico previsto. Os retoques no sistema están ben orientados, equilibrando socialmente a fiscalidade. Pero precisaríamos, como en gastos, reformas de fondo que preparen o futuro.

É imprescindible prolongar o compromiso coa modernización económica e social precisa nos vindeiros exercicios. Crece o gasto en innovación, despois dunha década de anemia, ou en infraestruturas, sen colmar o déficit de oito anos de recortes.

Galicia sae moi beneficiada do nesgo social, que complementa outras medidas xa adoptadas, como a suba do salario mínimo. Un país moi avellentado agradece a rectificación na evolución das pensións ou o compromiso coa axuda á dependencia. Que se garanta cos fondos precisos o calendario de chegada do AVE ou que as fragatas 110 vaian ser comezadas en Ferrol son tamén boas noticias.

Non nos parece ben o volume total de investimentos territorializados que corresponde a Galicia, e debe ser rectificado na tramitación das contas -aínda sendo superior ao gasto executado no último exercicio-. O nesgo cara ao arco mediterráneo intensificará os desequilibrios territoriais da economía española. Non todo acaba no AVE. Galicia ten déficit en infraestruturas ferroviarias, de transporte por estrada ou portuarias que esixen manter un volume investidor superior. Este exercicio deben avanzar a súa tramitación os proxectos parados polo Goberno Rajoy para, sen esgotar a lista, poder acometer a conexión adecuada entre Porriño e Vigo (A-52), completar a autovía Foz-San Cibrao, impulsar máis Santiago-Lugo ou Lugo-Ourense; conectar adecuadamente Ferrol e Lugo á alta velocidade ferroviaria ou prolongar o eixo atlántico até Porto, resolver a conectividade dos grandes complexos portuarios, ou actuar sobre problemas urbanos (o enlace orbital de Santiago, a circunvalación de Pontevedra, as entradas en Vigo ou Coruña...).