O acordo andaluz: hai que saber con quen se pacta


O pacto andaluz fai lembrar automática e inevitablemente aquela arrepiante imaxe do filme Un perro andaluz de Buñuel. Si, a do ollo raxado. Despois do pacto andaluz xa non se confunde pluralismo político con fragmentación, tal e como se viña facendo para aldraxe do que é norma nas democracias europeas, e tampouco se reclama o goberno da minoría máis votada; e, de feito, o PSOE, pese a ter tal condición, nin sequera presentou a súa candidatura. Con este pacto das dereitas en Andalucía mudaron moitas cousas e han mudar moitas máis pola forza das cousas; en que dirección e como muden dependerá dos comportamentos e das necesidades sociais e das orientacións que os partidos políticos sexan capaz de darlles. Nunca a política foi tan importante no Estado español dende a Transición, e nunca tan decisiva, en boa medida porque as propostas dos partidos están adquirindo verosimilitude e mesmo sinceridade, en relación coas demandas do electorado.

Por primeira vez en moito tempo, os contrarios ás autonomías de nacionalidades e rexións, os ideoloxicamente centralistas, os partidarios de esquecer o pasado para mellor defender a súa propia herdanza do franquismo ou os machistas declarados contrarios á igualdade entre homes e mulleres exprésanse abertamente e queren converter en políticas a súa posición ideolóxica. Pode ser tamén que neste intre estea a acabarse coa deriva desas dereitas que facían políticas sociais socialdemócratas e querían aparentar progresismo, e tamén a desas esquerdas que facían políticas económicas privatizadoras e querían aparentar a defensa do ben común. E tamén coa deriva dos últimos anos en que dereitas e esquerdas estatais, en diferentes graos, recentralizaron o Estado, contravindo ou forzando o pacto constitucional da Transición. No que todos parecemos coincidir é na novidade de todo o que está a acontecer. O que está claro é que todo é novo, pero tamén sobradamente coñecido na súa matriz, aínda que moi diferente na súa representación e imaxe actual. Os enganos, as carautas e as metamorfoses da política e dos políticos serán cada vez máis novas, pero a sociedade democrática e plural seguirá tendo que descubrilas para continuar sendo ambas as dúas cousas.

Rachamos a ficción democrática do acordo e entramos na disputa ideolóxica, aquela que quería ser desterrada polos políticos que dicían todos o mesmo. Agora dependerá outra vez da capacidade para facer propostas, para difundir ideas, para identificar líderes e cadros, para interpretar ben as demandas sociais e saber satisfacelas e, sobre todo, da capacidade de dar esperanza sobre valores e principios definidos. Aí se situará a disputa política. Aí vén situándose dende o 15-M de hai oito anos.

Aí nos colocou a crise mundial. Rachou o que algúns chaman o aburrido pacto socialdemócrata; pero haberá que prepararse para volver reconstruílo, e quen o logren gañarán o futuro.

Sigo pensando, coma Churchill, que paga a pena vivir alí onde o único que che pode espertar de madrugada é o leiteiro -unha figura que, aínda que xa non haxa, haberá que recuperar- e non a policía -que está por todas partes cos novos sistemas de control e vixilancia-. Seguimos sen alternativa á democracia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

O acordo andaluz: hai que saber con quen se pacta