Un ano para a cultura popular


AReal Academia Galega elixiu este ano a figura e a obra de Antonio Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905-Santiago de Compostela, 1999) para a onomástica grande das Letras, que se celebra o 17 de maio, mais que abrangue os meses todos, practicamente dende xaneiro a decembro, pois dende a primeira convocatoria (1963) a festa non fixo máis ca medrar, implicando sectores sociais moi diversos, dende institucionais (o Goberno de Galicia) ata o que na miña opinión é máis importante: asociacións de base, movementos veciñais, culturais, escolares, concellos e entidades varias, mesmo empresas comerciais, o que sen dúbida dá conta dunha vitalidade que, na medida en que logra unir vontades, agranda a causa común.

Esta idea de sumar vontades, sen deixar fóra a ninguén, paréceme especialmente importante. A lingua é o gran símbolo de Galicia, espello da súa modernidade histórica, na medida en que expresa a nosa toma de consciencia como pobo (sen complexos, sen dependencias), a nosa autoestima, a nosa capacidade de expresión e creación, e mais porque constitúe un patrimonio común de todos os galegos e galegas, grandes e pequenos, incluidos os que non a falan ou non a tiveron como lingua primeira. Na memoria dos séculos a lingua galega álzase diante de todos nós coma un estandarte.

Cada ano, a figura á que a RAG dedica o Día das Letras ofrece un ou varios motivos de reflexión. Desta vez, alén doutras significacións da súa biografía, a obra de Antonio Fraguas, a quen os seus discípulos e alumnos chamaban ‘don Antonio’ e os seus mais achegados, Antón, encarna o tesouro da cultura popular: unha vida dedicada dende moi novo á descuberta, estudo, catalogación e reivindicación da cultura concibida como a expresión profunda da alma do pobo, no espírito do Seminario de Estudos Galegos (1923), no que Fraguas dá os primeiros pasos como estudoso do noso patrimonio.

Mesmo nos tempos mais adversos, nos séculos de devalo e abaixamento, cando a lingua de Galicia perde o paso da chamada alta cultura (a imprenta, a universidade, a igrexa, as institucións de poder e o diñeiro), o idioma resistiu constantemente renovado na vida das nosas xentes (os devanceiros) que souberon enriquécelo e transmitilo dende o universo riquísimo da cultura tradicional, os labregos e mariñeiros dos que fala o poeta; lingua do traballo que organiza o mundo, explica o principio das cousas, ponlle nome aos lugares, rotula valos e camiños, afirma tristezas, alegrías, soños e desilusións, afoutezas, os bicos das nais e o rechouchío dos paxaros, os contos dos avós e a música dos namorados... De todas estas cousas habemos de falar da man do vello profesor, don Antonio, pensando (como pensaba el) moi especialmente nos que veñen detrás, as novas xeracións, que deben saber que se estamos aquí é porque outros labraron e sementaron antes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Un ano para a cultura popular