Amor aos cincuenta


Polo xeral, cando os homes se divorcian por volta dos cincuenta anos, séntense os reis do mambo. Primeiro sofren, pero logo remocican, súan feromonas, abrazan con pracer a liberdade, len libros que antes non lerían, van a concertos aos que antes non irían, mudan os gintónics polo whisky, e fanse deliciosamente promiscuos. En cambio, as mulleres na mesma circunstancia adoitan pasar polo dó máis puñeteiro que hai, porque o divorcio mata a quen crían ser. Non coñezo ningunha divorciada aos cincuenta que non se sentise nalgún momento acabada, fea, vella ou inútil (poñan eses adxectivos en masculino e daralles a risa). E aínda que coa razón saiban que viven nunha idade plena en máis aspectos ca o sentimental, sexualmente mellor e sabia coma nunca, a dor manda. Nós estamos programadas ou para deprimirnos e suplicar, ou para aturar o desamor (en parella ou soas) agardando un home que nos salve.

Imaxino o que será para todas elas ver como a prensa dá corda a unha campaña miserábel para promocionar a obra dun escritor idiota, polo demais un perfecto descoñecido, que di non ser quen de amalas. Un falabarato ou un psicópata, non sei, que ocupa o espazo que poderían ocupar mil historias de amor entre os cincuenta e os cen anos escritas en libros mellores ca os del, con belezas de engurras, canas e flaccidez, pero co corazón namorado máis san ca o dunha adolescente parva para a que a vida se reduce a ser amada por un home que, se cadra, aos cincuenta, simplemente descobre que quere vivir doutra maneira. Un dereito que nós tamén temos pero que raras veces utilizamos, tan preocupadas como estamos por cumprir coas cadeas de ouro do amor romántico das que o márketing sabe aproveitarse moi ben.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

Amor aos cincuenta