Maiorías, minorías e extrema dereita


Andamos ocupados aínda en entender a mudanza no mapa político. Está custando tanto traballo entendelo e reaccionar que dá moito que pensar sobre a relación da sociedade coa política e o grao de democratización, sobre a capacidade de respectarse entre opcións democráticas radicalmente diferentes ou sobre a de pactar fóra das estreitas lindes ideolóxicas. Só o País Vasco e en parte Cataluña tiveron nestes anos un mapa político plural, diverso e mesmo complexo no que o pluripartidismo e os pactos foron a norma, e os gobernos monocolor de maiorías absolutas menos frecuentes que no conxunto do Estado. En Galicia, por exemplo, todo tendeu a sota, cabalo e rei: PP, PSOE e nacionalismo, con cada partido embutido nun caldeiro que soltaba toda a presión cando se perdía o goberno.

Non estabamos moi preparados para esta explosión de partidos pola esquerda, o centro, a dereita e agora tamén pola extrema dereita. Os dirixentes dos partidos clásicos seguen empeñados en volver á situación orixinal do caldeiro a presión, e cando eles non forman parte dos beneficiarios alcuman calquera acordo de goberno como «mercadeo» ou «baixada de pantalóns» -dous termos que dan para unha análise psicosocial-. Alén do lexítimo interese político, esta falta de capacidade para aceptar o cambio que xa se produciu ten que ver con cómo nós contamos o que somos politicamente e como chegamos aquí. Crémonos un conto sobre nós mesmos como sociedade que non se corresponde co que nos pasou nin co que nos pasa, e iso complica entender o que está pasando. Crémonos unha excepción, un prodixio chegando a acordos históricos entre contrarios baseados na boa vontade de persoeiros extraordinarios, pero só nos contos hai príncipes azuis.

Estamos asombrados pola aparición da extrema dereita, do populismo, do liberalismo de business school e das derivas dos partidos clásicos cando todo forma parte do mundo de hoxe. Mellor será asombrarse menos e, sobre todo, esaxerar menos. A esaxeración non funciona para combater á extrema dereita, senón que a alimenta. Canto máis se fale deles, e sobre todo canto máis se lles denigre, e, máis aínda, canto máis se lles tema, máis medrarán. Non sabemos aínda canto poden medrar, pero sabemos que polo de agora representan unha porcentaxe ínfima do censo e moi escasa do electorado en Andalucía. Teñen a representación que teñen pero moita non é. Aínda bo foi que Pablo Iglesias rectificou ao día seguinte a súa apresurada chamada de Fronte Antifascista despois das eleccións andaluzas. Agora parece que foi Susana Díaz quen colleu o modelo. As frontes non funcionan porque a dereita española non ten memoria, a diferenza da francesa ou da alemá. Por iso tampouco non ten nin idea do que está a facer. Ciudadanos aínda por riba é situacionista.

A extrema dereita está aí pero no Parlamento, antes, os Guerrilleiros de Cristo Rei levaban cadeas e pistola. Espero que como mostra do poder integrador da democracia máis que da súa intelixencia. A democracia sempre debe actuar como se estivese en risco. Fáltanos hábito para esa tensión. Haberá que volver ao debate político en serio. Movémonos entre La Clave e Mulleres e homes e viceversa, pero moito máis preto do segundo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Maiorías, minorías e extrema dereita