Unha vergonza máis

OPINIÓN

07 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta que o Goberno do reino de España -este e o anterior- dota con 30.000 euros o Premio Nacional de Tauromaquia, suposto «patrimonio cultural», e só con 20.000 euros os de Literatura ou Historia. Sen dúbida, unha moi significativa metáfora do que é este país e que tantas cousas, infelizmente, explica.

O Goberno aclarou no Parlamento que así o fai en cumprimento das disposicións legais que recoñecen a tauromaquia como «patrimonio cultural», polo que ten «o deber de garantir a súa conservación e promoción». Por suposto, ningunha alusión á pregunta dun deputado sobre o trato discriminatorio con relación á Literatura e á Historia, polo que haberá que concluír que o diferente trato lle parece ben ao Goberno e por iso non se propón derrogar unhas disposicións propias dunha república bananeira.

Pode que este Goberno estea na obriga de dar cumprimento a unhas disposicións herdadas; pero, ao menos, ben puido aproveitar a interpelación para dar unha impresión que demostre máis cultura, que se desmarcase de actitudes tan asilvestradas do pasado e que aproveitase para levarnos a unha certa idea de cambio. Pero non. O que pon de manifesto unha vez máis que a cultura é conceptuada como algo accesorio e non esencial, non como cultivo das potencialidades globais do ser humano e moi lonxe da súa finalidade, que non é outra que a mellora dese ser que tanto pode ascender ao mellor como descender aos máis baixos e peores instintos.

Infelizmente, dá un certo arrepío pensar que estamos nas mans dos que non poden comprender cousa tan elemental, que malamente poden contribuír ao cultivo dos demais porque eles non se cultivan, nin lles interesa. E así se explica o «A por ellos!», e outros primitivismos que demostran a onde pode chegar a incultura.

Pode que este Goberno estea na obriga de dar cumprimento a unhas disposicións herdadas; pero puido aproveitar a interpelación para dar unha impresión que demostre máis cultura, que se desmarcase de actitudes tan asilvestradas do pasado