Un novo modelo de atención primaria

Jesús Vázquez Almuíña TRIBUNA

OPINIÓN

29 dic 2018 . Actualizado a las 16:41 h.

A atención primaria é o servizo máis valorado pola cidadanía en Galicia. Desde a Declaración de Alma-Ata, a atención primaria conta con médicos de familia, pediatras e enfermeiras traballando en equipos, a xornada completa, con programas de promoción da saúde e prevención de enfermidades, traballo comunitario, historia clínica e receita electrónica. Todo isto, xunto cos avances tecnolóxicos, permitiu ofertar unha atención primaria accesible, de calidade, eficiente e cun alto grao de satisfacción na poboación.

Durante 25 anos o modelo funcionou ben. Pero cambios sociais (envellecemento da poboación) e asistenciais (incorporación de novos profesionais) producen desaxustes, que se acentúan coa crise, e co déficit de profesionais para cubrir ausencias.

Ante esta situación presentáronse nestes anos, tanto a nivel autonómico como nacional, diferentes estratexias de mellora que non frutificaron.

Por iso, hai máis de dous anos, desde a Consellería de Sanidade, e trala consulta cos axentes implicados (profesionais, consello asesor, sociedades científicas e colexios profesionais), traballamos nun novo modelo.

Para paliar o déficit de profesionais ampliamos, de forma voluntaria, a idade de xubilación, e aumentamos as prazas de formación nas especialidades deficitarias (médicos de familia).

Para favorecer o clima laboral e a estabilización ofertamos máis prazas de atención primaria nas oposicións, e nunha semana iniciaremos a primeira Carreira Profesional Ordinaria.

Para mellorar a atención creamos, e somos pioneiros nisto, as categorías de enfermería especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e Pediatría.

Para mellorar as infraestruturas construímos novos centros, asumimos progresivamente o mantemento dos existentes e establecemos plans anuais de compra de material.

Para mellorar a asistencia implantamos a teleasistencia no 50 % dos centros de saúde, e temos máis de 1.000 pacientes en seguimento.

Nas próximas semanas presentaremos un contrato dun mínimo dun ano de duración para novos profesionais nas categorías deficitarias, e crearemos a figura de director de Primaria na xerencias das áreas sanitarias.

Pero isto non é suficiente, polo que hai uns días celebramos unha reunión con máis de 70 profesionais: médicos, enfermeiros, farmacéuticos, traballadores sociais, administrativos, fisioterapeutas, sociedades científicas, colexios profesionais, membros do consello asesor, directivos... Creáronse seis grupos de mellora nos que abordaremos a creación de equipos de atención primaria nos que se definan os novos roles profesionais; a mellora da colaboración entre a atención primaria e a hospitalaria; a planificación da atención á demanda, no centro ou no domicilio; a formación, docencia e investigación; a relación cos pacientes e a comunidade; e o plan de necesidades de equipamentos básicos e complementarios.

Se queremos un novo modelo, mellor, para outros 25 anos, mantendo un dos bens máis prezados, a accesibilidade, necesitamos a colaboración de todos: cidadáns, profesionais, sindicatos, partidos e, moi especialmente, das asociacións de pacientes.

Para evitar desconfianzas, por fracasos anteriores, comprometémonos a que os grupos de mellora poidan ter as primeiras conclusións en febreiro.

Estamos ante un reto e unha oportunidade histórica para os que cremos na sanidade como o servizo público máis importante: acadar un novo modelo sanitario de atención primaria para unha nova sociedade.