Sabela na televisión


O meu amigo Henrique Monteagudo, vello compañeiro de angueiras e atafegos, vén de acceder á cátedra de Sociolingüística da Universidade de Santiago de Compostela cunha liña de investigación sobre a realidade social do galego, o estado actual da lingua entre nós, cuestión na que vén traballando dende hai anos, o que nos permite elaborar unha radiografía cada vez máis exacta non só do presente do idioma, senón do que máis nos preocupa: o seu futuro. Inevitablemente, no debate sae a cuestión de fondo: a perda de falantes, que nos últimos tempos é bastante acelerada. E eu matizo dende esta marea dos domingos da Voz: de que falantes falamos? O que nos preocupa é o crecemento do que o sociolingüista denomina os «desprazados», persoas que reciben a lingua no seu contorno inicial (tradicional) e renuncian a ela polo castelán, galegofalantes que cambian de código, en contraposición aos que algúns denominan «neofalantes» e que o sociolingüística prefire denominar «recuperadores», xente que nace nun contexto castelán e que, polas razóns que sexan, muda de rexistro e asume activamente o galego.

O primeiro grupo é a deriva histórica dunha parte importante de poboación, principalmente aquela que nas últimas décadas se desprazou do mundo rural ao mundo urbano. As enquisas falan dun 6,5 % e en ascenso (mudanza radical, renuncia ao galego). O segundo grupo é cuantitativamente máis escaso (2,5 %), mais produto dunha toma de posición consciente, en moitos casos ideolóxica, aínda que tamén por empatía, por admiración ou por afectos.

Hai tempo que veño traballando con xente nova, mozos e mozas de arredor de vinte anos que manifestan abertamente o seu interese polo idioma, son quen de falalo, teñen un coñecemento escolar do mesmo, pero non o usan entre eles, relaciónanse (socialízanse) en castelán porque é a lingua dominante do consumo, o lecer, os medios de comunicación, a publicidade, a oferta básica de entretemento, e «porque non sabemos como empezar».

Aquí comentamos a magnífica experiencia de 21 días co galego que promoveron institutos da Pobra do Caramiñal, A Coruña etc. «Fáltannos referentes», di un deles, «xente que admiremos e na que nos recoñezamos, máis ou menos da nosa idade ou que conecte connosco». E de súpeto, zas!, aparece Sabela na televisión (Operación Triunfo), Sabela Ramil, que canta Tris Tras de Marful, Negro caravel de Cristina Pato ou Benditas feridas de Rosa Cedrón, e que explica para miles de espectadores de toda España que esa é a súa lingua, sen complexos, que non quere renunciar a ela, que a diversidade suma, non divide, e faino dende a dozura luminosa dunha mociña nova que vive con naturalidade (e autenticidade) a súa propia condición, a existencia do seu país.

O sociolingüista toma nota, sen dúbida. Hai bazas que aínda podemos xogar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos
Comentarios

Sabela na televisión