Un mundo de músicas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

18 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

miña paixón pola radio vén de moi atrás no tempo. En concreto, comezou cando no ano 1977 os Reis Magos me trouxeron uns walkie-talkies cos que me iniciei no mundo das ondas, que naquel intre para min era máxico e emocionante. Anos máis tarde, eu mesmo xa construía as miñas propias emisoras e antenas. Co paso do tempo fun deixando ese mundo dun xeito tan activo pero, por agarimo e boas lembranzas, aínda gardo parte daquel material que tan bos momentos me deu. Xa nos 90, o que fora director de Onda Cero, Santiago del Valle, sabendo da miña paixón pola música, ofreceume a posibilidade de facer un programa especializado en música folk, e aí comecei unha nova andaina. Despois de varios anos nesta emisora emitindo só a nivel local para A Coruña e comarca, xurdiu a posibilidade de pasar á Radio Galega; alí aprendín moito dirixindo e presentando o programa Lume na Palleira, ata que por motivos persoais e profesionais tiven que deixalo. Un bo día, nunha entrevista en Radio Voz con Rodri García e Xesús Fraga, propuxéronme facer algo relacionado coa música nesta emisora. O asunto cadrábame perfecto e comecei unha nova andaina que hoxe xa supera os quince anos en antena. Todos os sábados e domingos programo músicas que dificilmente soan noutros medios, ao tempo que intento divulgar, dende a calidade e a diversidade, primeiramente as músicas feitas desde Galicia con raíces tradicionais, en combinación con outras que me chegan dende calquera outro lugar do planeta; de feito o programa chámase Un mundo de músicas, e o seu anexo de cancións aleatorias do mesmo estilo é Músicas de raíz. Eu gozo ao tempo que percibo que hai moita xente que tamén agradece esta pequena fiestra musical.