As vacinas e a teoría da conspiración

OPINIÓN

18 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días está dando que falar a actuación dunha eurodeputada da órbita de En Marea, promotora en Vigo dunha xornada sobre mulleres e saúde que incluía unha charla da asociación de afectadas pola vacina do virus do papiloma humano (VPH). O evento foi cancelado polo concello vigués, propietario do local onde se ía celebrar. Eu non tería prohibido esa charla: a liberdade de expresión é importante, e a disidencia ten permitido importantes avances á humanidade; heterodoxos foron Franklin ou Galileo. A heterodoxia é unha liña que separa o pensamento dominante do diferente; máis alá desa liña está o ridículo ou a xenialidade, o fracaso ou a gloria. Por iso hai empresas -como unha que ten como logotipo unha mazá mordida- que promoven ese obxectivo; de aí o lema Think different, pensar diferente.

Na sanidade, ademais da medicina ortodoxa, hai outras, chamadas alternativas, e fronte ás que o ministerio de Sanidade parece que vai tomar medidas. Eu admito certa liberdade ante elas, sempre que non substitúan a medicina tradicional en enfermidades graves. Por que? Polo efecto placebo, ao que todos recorremos: que tire a primeira pedra quen non dixo unha mentira piadosa a un familiar enfermo. No caso que nos ocupa é certo que a asociación non é antivacinas, pero si que promove a exclusión do calendario vacínico da usada contra o virus VPH (que pode producir nas mulleres cancro de colo de útero). Así, a eurodeputada de En Marea recunca nun tema polémico: hai un ano asinara unha pregunta no Parlamento Europeo pedindo a non obrigatoriedade das vacinas polas dúbidas da súa seguridade. Trataba na súa pregunta de frear «o poder das farmacéuticas» (sic).

Velaquí o leitmotiv: a grande heroína fronte á multinacional. David fronte a Goliat. Todos os medicamentos poden producir efectos indesexados, incluso antes de ser aplicados, como o desmaio dun adolescente ante a simple visión da agulla dunha xiringa. Ademais, non todo é branco ou negro; por citar un caso recente, a empresa PharmaMar acaba de ver aprobado en Australia o seu antitumoral, Aplidin, rexeitado hai un ano pola Axencia Europea de Medicamentos (EMA). Quere isto dicir que os técnicos e políticos australianos cederon fronte ao «inmenso poder» de PharmaMar? Non, simplemente consideraron que o medicamento podía ser útil.

O movemento antivacinas ten algúns seguidores, que aducen razóns relixiosas, da liberdade individual, do adamismo naturista ou da loita contra as grandes multinacionais; este parece ser o caso da eurodeputada. É unha pena que persoas coma ela, cunha traxectoria exemplar, tiren pola borda o seu prestixio, sumándose á teoría da conspiración. Sería unha pena que acabase coma a monxa catalá Teresa Forcades, propagandista do MMS, inventado hai tempo nos EUA, e difundido polo agricultor catalán Josep Pàmies, para curar o VIH, a malaria e non sei cantas enfermidades máis. Un caso actual, e máis estendido, do que foi o Bio-Bac, pretendido milagre español contra o cancro. Oxalá non lle suceda coma a Steve Jobs, o mago da empresa da mazá que citaba antes, que morreu de cancro de páncreas, e que recorreu á medicina ortodoxa cando o tumor estaba moi avanzado, tras fracasar os supostos tratamentos alternativos da medicina budista.