Dereita constitucional e pactos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai preguntas recorrentes nestes días a propósito dos pactos en Andalucía para mudar de goberno. A primeira, se o PP segue mantendo a doutrina de que debe gobernar sempre a lista máis votada, que leva defendendo en Galicia, Madrid e urbi et orbi e que mesmo quería trasladar á lei electoral para elixir alcalde. A segunda, se a idea de réxime aplicada a Andalucía a conta do goberno ininterrompido do partido socialista pode aplicarse tamén a Castela, Murcia, Madrid e mesmo a Galicia, ou non. Son preguntas tan superadas polos acontecementos que xa só merecen resposta retórica: cousas de política e comunicación. Unha pregunta de máis calado refírese á diferenza entre as dereitas democráticas españolas e as europeas á hora de pensaren en pactar coa extrema dereita. Ningunha dúbida formulan no PP e tampouco en C’s, pese ás manobras dialécticas. As ansias por aproveitar a primeira oportunidade de desaloxar os socialistas en Andalucía poden con calquera outra consideración.

Pese ás ganas das dereitas por materializar a alternancia democrática no poder, importa a pregunta sobre a diferenza do seu comportamento co das dereitas democráticas de Francia ou Alemaña á hora de acordar coa extrema dereita anticonstitucional e pro-ditatorial. Pode haber varias razóns, pero a primeira ten que ver coa memoria e a historia. Na primeira oportunidade que ten, a dereita amosa que non asumiu o pasado incómodo en profundidade: na profundidade das foxas, nin as recomendacións da ONU ao respecto da necesidade de recordo e reparación.

O problema vese na dereita, pero non podemos deixar de recoñecer que temos un discurso de esquecemento da ditadura e outro moi autocompracente de como chegou a democracia -dous contos chineses historicamente falando- que agora nos van petar na cara. Dirase, e dise, que en Italia ou en Austria as dereitas democráticas tamén están a pactar con forzas de extrema dereita. Diremos, e dise, dende a historiografía que ambos os dous países, alén de partillar a circunstancia cultural de seren predominantemente católicos, tamén tiveron e teñen non poucos problemas de ocultación do seu pasado incómodo -termo acuñado precisamente para Italia por Nicola Tranfaglia-. A lección alemá é moi clara: sen asunción das responsabilidades nas atrocidades do pasado non pode haber patriotismo constitucional. E iso lévanos ao que ten que ver co presente e o futuro, e que se refire á interpretación da Constitución e da liberdade e o respecto á pluralidade en que se funda. Ou sexa, se é atinado ese cualificativo de extrema dereita anticonstitucional e ditatorial, polo tanto contraria ao sentido desta ou de calquera outra constitución de tradición liberal e lóxica democrática, que se aplica a ese novo partido co que as dereitas democráticas queren pactar en Andalucía. Para comprobalo non miren a Cataluña, senón a Andalucía. Circula estes días polas redes un anuncio de 1943 do Departamento de Guerra dos EUA que explica moi ben como identificar o discurso xenófobo e contrario ás liberdades e ao pluralismo. Recomendable.