Galiza decidirá o futuro da AP-9

Alexandra Fernández TRIBUNA

OPINIÓN

XOAN CARLOS GIL

16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O martes pasado no Congreso demos luz verde á Lei para a transferencia da AP-9. Non foi sen tempo, despois de anos de vetos. Pero moita xente preguntarase polas consecuencias e os escenarios que se abren. En primeiro lugar, a transferencia de competencias permite unha xestión máis próxima sobre a nosa arteria principal, que pasa a integrarse no conxunto das infraestruturas galegas. Esta integración facilita a planificación e ordenación do territorio en clave de país. 

En segundo lugar, supón un paso importante para acabar coas peaxes, o que para nós é o obxectivo último. O texto, se ben non leva aparellado directamente o rescate da autoestrada, si contén unha chave moi importante: modifica o lugar onde se tomará esta decisión, que pasa do Congreso ao Parlamento galego. Deste xeito, o debate vaise dar nun terreo máis favorable para os nosos intereses, e o sentir social poderá exercer maior presión sobre PP e PSOE. Evitaranse as lóxicas que operan en Madrid, onde os intereses do Estado en infraestruturas teñen máis que ver coa Meseta e co Mediterráneo do que con Galiza.

O que se aprobou foi, polo tanto, o inicio da tramitación da transferencia, grazas en parte ao traballo de En Marea e do BNG, mais sobre todo pola grande presión social no noso país. Dende En Marea solicitamos que se faga por vía urxente para acurtar os prazos e evitar volver á casilla de saída no caso dun eventual adianto electoral. Polo pronto, PP e PSOE manifestaron a súa intención de enmendar a lei para evitar que a decisión do rescate se tome en Galiza, isto é, mutilala e blindar os intereses de Audasa. Toca, pois, redobrar esforzos para que ninguén lle dea un portazo á posibilidade de acabar coas peaxes.