A natureza cruel

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha mística en cuestións de maternidade que se resolve nun mantra: a natureza é sabia e todo o fai ben. En virtude diso, obviamos que a ciencia naceu para loitar contra esa sabedoría natural que é implacábel con todo aquel ao que colle co pé cambiado. Así, decidimos que as vacinas son prescindíbeis, que os paseos polo monte curan a esquizofrenia e que parir na casa é fermoso. Son hipocrisías que podemos permitirnos quen, no fondo, sabemos que vivimos en lugares onde se erradicaron enfermidades, que mantemos a loucura á raia e que as ambulancias lévante a un hospital se te pasas de lista con Internet. Claro que a natureza actúa nun réxime de premios e castigos que favorece a quen logra dominala. Xa o dixo Darwin, e sábeno ben alí onde a pobreza impide a construción de sanatorios para adelgazar a base de batidos; e por iso o ser humano, un dos máis fráxiles sobre a Terra, se impuxo á natureza a través da súa valiosa capacidade para razoar.

Pero no que atinxe á maternidade poñémonos estupendas á mínima, coma se ser nai fose máis natural ca ter difteria. Decidimos que as bosquimás son o exemplo a seguir coma se non morresen constantemente nos partos e coma se puidésemos permitirnos un estilo de vida de mulleres que só se dedican a parir os futuros maridos doutras. Pero elas si saben a lección que descoñecemos as europeas benestantes: a natureza quítache os fillos cando te trabucas, e ti quedas aí, con toda a mística ecoloxista feita bóla na gorxa, preguntándote qué idiota che dixo que parir na casa era mellor ca ir a un hospital onde hai profesionais excepcionais que te deixan parir como che peta (tamén os hai) e tamén saben salvarte das gadoupas da natureza.