Dignidade profesional e asistencia digna

Flora Miranda Pena TRIBUNA

OPINIÓN

14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os médicos e médicas da área de Vigo rebélanse. Vaia o meu recoñecemento, apoio e consideración. Agardo que calle o exemplo. Vimbios hai. Despois de anos de sobrecarga crónica de axendas, de políticas de precariedade laboral, de forzar a máquina nas consultas, de ausencias sen substituír, de acumulación de cotas, de «intersubstitucións», de prolongar xornadas, de dificultades para o goce dos permisos, de sobrecarga laboral insostible, de falta de investimento en atención primaria, de contratos puntuais para as médicas e médicos substitutos, de altas os luns e ceses os venres, de dispoñibilidade non retribuída, de saír da consulta tarde e con estrés, de soster o sistema á custa do seu lombo, de afrontar recortes, das dificultades de acceso a probas e derivacións hospitalarias, de asumir un asistencialismo desmedido sen programación a curto prazo, de non poder exercer a prevención e a promoción da saúde, de consultas exprés, da insatisfacción de non facer ben o traballo… En definitiva, de non dispoñer dunhas condicións mínimas para poder prestar unha atención digna ás persoas.

 

Sei do que falo: eu mesma traballei nesas mesmas circunstancias ata hai tres meses, cando me incorporei ao Parlamento como deputada. Teño traballado cunha presión insostible e teño sido testemuña mesmo de crises hipertensivas en compañeiros mentres pasaban consulta.

A atención primaria é o elo máis resolutivo do sistema sanitario. O máis accesible, o que mellor manexa a desigualdade, o que é capaz de resolver problemas de saúde abordando o contexto das persoas, o menos intervido pola economía de mercado, o que sería quen de reequilibrar dando máis a quen máis precisa, o que detecta as consecuencias do malestar social (tamén o de xénero), o que debe exercer a centralidade da atención sanitaria con tempo de calidade por consulta, porque ese é o principal recurso diagnóstico e terapéutico.