Mitos caídos en Andalucía


As cousas mudan ás veces de súpeto. A Historia dá voltas e reviravoltas diante de nós mentres seguimos utilizando vellas formas de pensar. Explicar o que muda non resulta doado, pero xa imos tendo datos para empezar a entendelo. En Andalucía afundíronse varios mitos nas últimas eleccións e andamos a intentar comprender o que está a pasar.

O primeiro dato importante é a ruptura, seguramente definitiva, do bloque da dereita, que levaba tres décadas unido nun Partido Popular que viña actuando coma unha fronte, e que agora é unha parte das dereitas. O partido máis votado, pero un de tres. Gaña o pluralismo democrático e arrastra ás urnas a máis votantes da dereita ca antes, sacándoos da abstención.

Perde a esquerda diante desa novidade, nun territorio que ata agora dominaba unha esquerda que desta volta quedou máis na casa. Pero foi a aparición de Vox o máis asombroso. Para explicala non abonda ter en conta a desmobilización electoral da esquerda, que debeu ter que ver tanto co evidente desgaste socialista como coa evidencia dos votantes de Adelante Andalucía de que o seu voto serviría, en última instancia, para a continuidade de Susana Díaz.

A falta de claridade sobre este punto debeu levar moitos votantes de toda a esquerda á abstención, incluídos os desencantados socialistas.

O que si parecen demostrar as enquisas é que Vox non recibiu votos da esquerda máis que nunha porcentaxe mínima, inferior ao 5 %.

Outra razón do ascenso da extrema dereita foi a corrupción do Partido Popular, visible e insoportable para moitos dos seus votantes. A falta de solución e a evidencia da continuidade, telexornal a telexornal, que xa levara votantes cara a Ciudadanos, alentou agora a fuga para a dereita extrema. Algo ao que tamén axudou a tola carreira nacionalista e patrioteira da dereita -e aínda de certa esquerda- co asunto catalán.

Despois de fomentar a aparición dese nacionalismo de balcón, desa dereita de bandeira, o PP non podía máis que perder fronte a calquera capaz de poñer máis bandeiras e máis grandes.

Os que consideran na dereita que España é un ser esencial e histórico, anterior á Constitución ou a calquera forma de pacto social, tiveron unha opción moito mellor e máis coherente no partido de Abascal, tan ben considerado publicamente pola nova dirección de Pablo Casado.

Non será un problema menor para o PP saber como tratar aos que sempre estiveron dentro agora que están fóra. Hai outras razóns, mesmo máis importantes, que teñen que ver cunha tendencia mundial.

Empeza a ter eco en España o que o está pasando no mundo. España non é diferente. Como Donald Trump, Bolsonaro e as súas copias en Europa, tamén se está promovendo a inseguridade para poder garantir seguridade, e mais unha xenofobia que é temor a compartir a riqueza para os máis ricos, ou o cabreo pola evidencia de empobrecemento para as clases medias.

Agora que a aparente saída da crise amosou a fin dunha época dáse o reagrupamento dalgúns sectores nas vellas ideas imperiais ou de grandeza nacional perdida.

Mitoloxía máis relixiosa que política, pero moi eficaz para converterse no ovo da serpe. Cambiaron tantas cousas que do bipartidismo xa non fala ninguén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
37 votos
Comentarios

Mitos caídos en Andalucía