Como imaxinar que Vox ía entrar nun Parlamento

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai tanto tempo que Vox era só o nome dun dicionario. Vox tiña bonitas reminiscencias adolescentes, coas cartas de amor entre as páxinas e as chuletas das declinacións na lapela. Vox recendía a palabras raras e a rimas de soneto. Vox eran debuxiños detallados coas partes dunha flor. Vox era o peso na mochila o día dun exame de vocabulario. Vox acabou sendo, incluso, a pata dun armario nun piso de estudante. Como imaxinar que Vox ía entrar nun Parlamento relegando ao esquecemento toda esa fermosura inocente para substituíla por unha memoria mol de cousas de antes de que case ninguén nacera e que estaban aletargadas, agardando a ocasión, coma as feras? Vox, nominativo feminino da terceira declinación -non cheguei a usar as chuletas- significa «voz». Vox para espallar que España, ese país no que veraneantes nunha praia abrigaron con toallas de cores os náufragos dunha chalana, debería pechar as súas fronteiras aos refuxiados. Vox para que as mulleres deixen de amolar con iso do feminismo que tantos problemas está dando. Vox que reactiva o vello fascismo do 36 de cando o mundo só pasaba polo quilómetro cero e non se podían falar máis idiomas cós do imperio. Vox de volver pensar desde a relixión e non desde a razón. Vox que berra que o diñeiro nos fará libres. Libres de que? Libres dos pobres aos que temos medo. Libres de quen é diferente, non vaia ser que nos confronte coa nosa propia pequenez intelectual. Libres do cuestionamento das convencións. Libres dos libres aos que é mellor calar, encarcerar, pasear. Porque son ultraliberais. España vangloriándose de ser tan democrática que dá voz, vox, á ultradereita.