O libro que hoxe suscita este Beatus é merecente dos parabéns máis entusiastas de cantos se interesan polas letras galegas, nomeadamente da súa proxección exterior. Titúlase La letteratura galega. Autori e testi e foi deseñado intelectualmente na Universidade de Padova por Giovanni Borriero, profesor de Romanística e director do Centro di Studi Galeghi, quen contou coa colaboración ampla e moi eficaz de Gemma Álvarez Maneiro, lectora de Galego, no seu día, naquela universidade.
O volume recolle textos en edición bilingüe (galego-italiano) de 52 escritores, escolleitos cun criterio, fóra das nosas fronteiras, pouco discutible: os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas entre 1963 (Rosalía de Castro) e o 2012 (Valentín Paz-Andrade). Son, en realidade, 52 autores, non 50, pois en 1998 o día foi dedicado a tres poetas, aos tres trobadores da ría de Vigo do século XIII (Martín Codax, Mendiño, Johan de Cangas).
Os meticulosos editores do volume (Álvarez Maneiro e Borriero) redactaron 25 voces, e o resto foi obra de Manuel Negri, Rachelle Fassanelli e Attilio Castellucci (Universidade de Roma). Un estrito criterio universitario preside o esquema de cada un dos cincuenta capítulos: vida (e obra) do autor, bibliografía activa e pasiva e antoloxía de textos en edición bilingüe. Na parte final desta colectánea de 408 páxinas figuran tres apéndices (mapas, periódicos e Storia e letteratura), ademais dunha eficaz bibliografía xeral e un glossario no que se explican voces do noso corpus léxico tan significativas como alalá, aldea, cacique, castrapo, cruceiro, dorna, enxebre, foliada, gaita, mámoa, meiga, morriña, pazo, saudade ou trasno. Eu, que tiven a honra de prologar esta soberbia antoloxía cando era presidente da Real Academia Galega, só palabras de admiración e gratitude teño para un traballo colectivo editado con tanto amor e rigor por Gemma Álvarez Maneiro, galega, e Giovanni Borriero, profesor italiano que é un experto coñecedor de poetas tan distintos -e distantes- como Martín Codax e Celso Emilio Ferreiro.
O volume, pulcramente impreso e didacticamente ilustrado con debuxos de Castelao, foi publicado en Roma por Carocci Editore, unha editorial non universitaria que se propón levar a voz dos nosos mellores escritores por eidos nunca transitados, en Italia, pola literatura galega. No meu limiar fago esta afirmación (na versión de R. Fassanelli): «Nell’ambito delle lingue romanze non ispaniche non existe un volume così rappresentativo del nostro patrimonio letterario. La lettere italiane saranno un esempio».