A maioría social queda fóra

OPINIÓN

05 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A economía leva cinco anos crecendo. Xa recuperamos o nivel de PIB anterior á gran recesión de 2009, pero segue o malestar social. Non é unha falsa sensación, como demostra o informe da Axencia Tributaria sobre os ingresos declarados no IRPF en Galicia no ano 2017. Dos 1,8 millóns de persoas que en Galicia tiveron ingresos como asalariadas, pensionistas ou desempregadas, os de 856.282 foron baixos ou moi baixos, bordeando o limiar da pobreza, unha situación inaceptable que afecta ao 48 % do total de declarantes. A metade da sociedade galega obtivo ingresos por debaixo de 12.000 euros brutos anuais no 2017, ben porque o seu salario é baixo, ben porque traballaron só uns meses ao ano ou a tempo parcial, ben porque a súa pensión é moi baixa ou porque a prestación por desemprego é reducida, tanto na súa contía como na duración. Diferentes razóns para un mesmo resultado: a metade das persoas en Galicia teñen ingresos equivalentes a 800 euros netos en 14 pagas.

A desigualdade é insoportable. En 2017 o 0,4 % dos declarantes do IRPF, a minoría máis rica, ingresou de media 179.152 euros, 90 veces máis que as 182.000 persoas con menores ingresos. Dende 2010, a política económica imposta pola troica, coa complicidade dos gobernos de cada país, supuxo a ruptura do contrato social que fomos construíndo. Unha política con dous instrumentos fundamentais: as políticas de austeridade no gasto público e as reformas laborais que recortaron dereitos, o que provocou unha redistribución inxusta da renda. Se non deixamos atrás os recortes e a desvalorización salarial xa sabemos que o crecemento económico non se trasladará a un maior benestar social.

Por iso é indignante a posición do FMI e a Comisión Europea, co aplauso, por certo, do PP e Ciudadanos, contraria ao incremento do salario mínimo ou á recuperación do IPC como referencia das pensións. Insisten no camiño do terror social e económico, porque esa política foi a que nos levou ao período recesivo máis longo da nosa historia e porque debilita o crecemento. A desaceleración da economía europea demostra que unha vez esgotados os factores externos ten que ser a demanda interna, isto é, os salarios, as pensións e o gasto público, o motor principal do crecemento.