De pallasos e bandeiras

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

01 dic 2018 . Actualizado a las 18:24 h.

Sempre pensei que cantos convertemos en oficio o exercicio do humor e, a condición de facer rir, temos o privilexio de mofarnos dos poderosos e dicir cousas que sisudos comentaristas nin ousarían citar, somos bufóns do noso tempo. O actor cómico Dani Mateo, imputado por protagonizar un sketch no programa satírico El intermedio, no que espirraba e se soaba na bandeira de España, prefire definirse como pallaso ao recoñecer que se sente preocupado porque «estamos llevando a un payaso frente a un juez por hacer su trabajo». Bufón ou pallaso, a min Dani Mateo cáeme ben.

Paréceme un cómico excelente e o personaxe mordaz, sabichón e fachendoso que interpreta no programa, unha creación orixinal polo acerto na expresión corporal, no dicir, no aceno e na risa. Desde Adolfo Suárez ninguén se asomara á pantalla do televisor con tanta chulería e engado. Dani Mateo contribúe, co seu bo facer, a que Wyoming poida despedirse cada noite coa fórmula «;Mañana más, pero no mejor, porque es imposible», probablemente certa, porque son incontábeis os alardes de enxeño que os membros do equipo levan achegando ao longo de doce anos.

Porén, facer una hora de humor en tv, catro días á semana, é tarefa difícil, e non sempre se acerta. O sketch no que un Dani Mateo, acatarrado e falto de luces, espirra e, inconsciente, sóase na bandeira; tenta pedir perdón pero faino con tanta torpeza que, horrorizado, foxe do plató, era moi arriscado e fixo rir a poucos e molestou a moitos. O equipo decatouse e no programa seguinte Wyoming e Dani Mateo pediron desculpas, pero non valeu de nada e o actor, que nin sequera escribiu o sketch, sufriu ameazas, perdeu contratos publicitarios e éstá imputado por un xulgado de Madrid que admitiu a trámite a denuncia dun sindicato de policías e atribúelle as supostas comisións dos delitos de ofensas aos símbolos de España e de odio, penados con 12 meses e 4 anos de cárcere, respectivamente.

Entre as numerosas mostras de solidariedade que Dani Mateo está a recibir de seguidores, amigos e colegas, foi noticia a do cómico catalán Toni Soler, director e presentador do espazo Está passant, da TV3, que ?dicían os titulares- se sonou coa senyera. Iso estaría moi ben, pero non foi así exactamente porque Toni Soler andou con pés de chumbo, nadou e gardou a roupa e, coa desculpa de que o lenzo da bandeira lle irritaba o nariz, sonouse cuns panos de papel que levaban as bandas e cores da senyera.

A min paréceme ben que policías e xuíces queiran impoñer o respecto á sagrada enseña da patria, pero coido que deberían empezar por impedir a súa banalización no merchandising. Porque non só temos bonecos, bolsas, pulseiras, chaveiros, correas, carteiras, gravatas, ratos para ordenadores, cubertas para móviles, toallas, camisetas, vestidos para o verán, paraugas para o inverno… É que tamén temos prendas íntimas como calcetíns, bañadores, bragas e calzóns ?calzoncillos en castelán, para que se me entenda ben-; e non me parece que simular soarse na bandeira sexa maior aldraxe que pasala, día tras día, polas partes pudentas, con premeditación e alevosía. Claro que, ao mellor, iso é patriotismo e eu non me decato.