Pedagoxía, pedagogo e Xosé Manuel


Hai unha crecente evidencia de que o sistema educativo en Galicia e en España non avanza, os datos son teimudos e os resultados non melloran. As avaliacións amosan un freo na calidade, na integración e, sobre todo, na igualdade de oportunidades. Todo indica un estancamento que pon fin a cinco décadas de mellora continua iniciadas en 1970 coa Lei Xeral de Educación, inspirada polos organismos internacionais que financiaban e orientaban a mellora educativa dos países en vías de desenvolvemento. A incomodidade dos expertos e das familias xa non se disimula. Discútese cómo retomar a senda da mellora educativa. Pero, coma nun eterno retorno, proba do estancamento e da falta de ideas volve falarse dunha nova Lei de Educación que xa non sei que número faría.

O positivo é que da incomodidade actual, derivada da crise e do cambio social mal dixerido, pode saír algo bo. Volve falarse da educación en valores e en liberdade, da igualdade de oportunidades e de evitar os guetos que pensamos superados. Volve falarse tamén da formación do profesorado. Fundamental. Os fundamentos do educador deben adquirirse ao xeito antes de entrar na aula, mais adquírense tamén a base de experiencia, pero regrada, non deixada ao chou. Diso sufrimos moito na docencia universitaria. Nos vellos tempos o catedrático dicíalle ao axudante: «Baixa á aula, hoxe tócache a ti, este é o tema». Por que esperar a adquirir a experiencia ao longo dos anos, pasando apuros e medos de principiante, se pode atenderse a formación ordenada e anticipadamente. Para o ensino primario e secundario o ideal sería un máster despois -e non antes- de aprobar a oposición, conxugando moita máis práctica na aula -aprendizaxe polo feito- con contidos de pedagoxía e didáctica, garantindo a motivación dos profesores en prácticas e un número de estudantes de máster manexable. O actual sistema é fonte de confusión e masificación. A educación infantil segue sendo modélica.

É momento de ollar atrás e adiante, de reparar nos logros e as súas lóxicas para poder atopar e superar as eivas de hoxe. De atopar guieiros. Un bo pedagogo acaba de finar. Chamarase sempre Xosé Manuel Abella. Un funcionario exemplar e honesto, un traballador infatigable pola causa dos máis desfavorecidos, da igualdade na educación e do galego no ensino. Organizador e responsable do departamento de Educación do Concello de Santiago, foi un deses pioneiros invisibles da mellora educativa, rachando límites entre administracións a favor da mellora na educación. Tan invisible para os planificadores e os facedores de leis como próximo aos rapaces e ás rapazas, aos mestres e ás familias, capaz de entenderse con todos os responsables políticos que lle tocaron; dábanlle igual as diferentes leis coas que tivo que traballar porque, coma moitos dos colegas, tiña claros os principios. El que foi un comprometido antifranquista e un insubornábel galeguista non ía atopar problemas, senón solucións, nunha lei democrática. E aínda así ás veces tivo que pelexar contra o vento e evitar ser devorado pola inxustiza vestida de parca. Logrouno no traballo e na estima. A terra seralle lene. A memoria, xusta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Pedagoxía, pedagogo e Xosé Manuel