As conmemoracións do ano 68 foron xenerosas na lembranza das revoltas de estudantes e obreiros, que para moitos comentaristas eran os sinais dun mundo que estaba a cambiar dun xeito radical. Pero houbo outros acontecementos de semellante importancia, como os tráxicos asasinatos de Robert Kennedy e Luther King, así como as primeiras manifestacións importantes de movementos de tanta transcendencia posterior, como o ecoloxismo e o feminismo.
No eido da ciencia habería que sinalar, dentro dunha crítica emerxente cara á maneira tradicional de entendela (autónoma, pechada en si mesma e xerárquica), a publicación en Science do artigo «The Matthew Effect in Science», por parte do sociólogo americano Robert Merton ese mesmo ano. De que se quería falar con ese expresivo, ao tempo que enigmático, título? Á sentenza do Evanxeo de San Mateo: «Ao que ten, háselle dar abondo, pero ao que non ten, aínda o que ten, háselle quitar», como exemplo dun proceso habitual na ciencia, que se caracterizaba polo feito de que os investigadores ou grupos de máis prestixio conseguen cada vez máis recursos, mentres que aos de menor sucédelles o contrario. Chegou a esta conclusión despois de analizar un amplo número de entrevistas realizadas a premios nobel nos anos sesenta. Unha significativa maioría deles, nun xesto que os honraba, recoñecía que os científicos do máximo prestixio, como os laureados pola Academia sueca, recibían polo mesmo traballo máis axudas e recompensas ca outros menos coñecidos.
Este Efecto Mateo púidoselle aplicar tamén ás institucións, xa que as de grande recoñecemento internacional (Harvard, Berkeley, Max Plank, etcétera) acaparaban dun xeito crecente o máximo dos recursos fronte ás outras. Tamén se chegou a semellantes conclusións noutras actividades como a literatura, as artes, a comunicación e, por suposto, no mundo dos negocios, onde os ricos son cada vez máis ricos e a fenda entre os que máis teñen e os que menos faise cada vez máis abismal.
Pasado o tempo, e sen saírmos da ciencia, tamén se puido apreciar que había temas de prestixio, ben polo seu carácter emerxente ou polos intereses que os amparaban, fronte a outros que, aínda que semellaban ter un alto valor social, non dispoñían de tan importantes valedores ou recoñecemento. Acontecía, por exemplo, no mundo da investigación de novos medicamentos, onde determinados estudos mostraban como o 90 % do total do orzamento dedicado a esta actividade estaba orientado só ao 10 % de doenzas propias do mundo rico: a chamada «fenda 10/90». E o mesmo acontecía cos recursos dedicados a sectores tan importantes para o futuro da humanidade como os da enerxía ou da agricultura, que diminuían relativamente (The Guardian, 14/09/2014).
Hai un acordo xeneralizado de que os investimentos dedicados á ciencia no mundo son escasos e que os países adiantados deberían achegar sobre o 3 % do PIB (en España e Galicia estamos no 1,2 %, polo que aínda fica moito camiño por percorrer). De todas maneiras, tan importante como incrementar os orzamentos globais é facelo dun xeito máis harmonioso e xusto, cun equilibrio entre todos os seus potenciais beneficiarios. Teño a impresión de que aos 50 anos de ser enunciado o Efecto Mateo non se mellorou nada na redistribución destes recursos dedicados á ciencia, nunha mostra máis desa inxustiza dominante que distingue o mundo actual.