Franco e José Antonio ao alimón

Siro
SIRO PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Ilustración: Siro

24 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nostálxicos do franquismo maniféstanse estes días cos retratos de Franco e José Antonio, berrando os seus nomes coma se fosen amigos queridos ou dous cracks do mesmo equipo de fútbol. O certo é que non se aturaban e dese aborrecemento mutuo deu testemuño Serrano Súñer, cuñado de Franco e amigo de José Antonio: «no será gran sorpresa, para los bien informados, decir que Franco no le tenía simpatía. Había en ello reciprocidad, pues tampoco José Antonio sentía estimación por Franco». Ningunha. En 1936, xa preso en Alicante, propúxoselle compartir candidatura con Franco nas eleccións a repetir en Cuenca, e negouse. 

Rosa Chacel descubriu no exilio, en 1956, as Obras Completas de José Antonio e, despois de ler trescentas páxinas dunha sentada, comentou: «Es cierto que su simpatía por los fascismos europeos, tan macabros, le salpicó con el cieno en que ellos se enfangaron, pero leyéndole con honradez se encuentra el fondo básico de su pensamiento, que es enteramente otra cosa.» O pasmo de Rosa Chacel sentino eu, vinte anos despois, ao ler o mesmo libro, e daquela cheguei á convición de que José Antonio foi un personaxe tráxico, protagonista dunha historia trabucada que el mesmo escribiu. Engaiolado polo feixismo italiano, no que vía o medio para instaurar a xustiza social e o fervor patriótico que unise as xentes e os pobos de España nunha unidade de destino, quixo crear unha formación feixista española, sen se decatar de que non era feixista, nin tiña madeira para selo. Pensárono contemporáneos seus que o trataron, como Unamuno e Henry Buckley, xornalista da axencia Reuters e autor do libro Vida y muerte de la República Española; e non tardou en descubrilo el mesmo cando, nun ambiente de máxima violencia, chegou o momento de impoñer a dialéctica dos puños e das pistolas, e non puido. Despois de ver asasinados cinco mozos falanxistas en tres meses e non reaxir, ata Wenceslao Fernández Flórez escribiu que o seu feixismo semellaba franciscanismo. Nunha intervención parlamentaria, en xullo de 1934, afirmou: «Yo no me hubiese dedicado para nada, no a usar la violencia, sino ni siquiera a disculpar la violencia, si la violencia no hubiera venido a buscarnos a nosotros». Na deriva criminal da Falanxe, José Antonio non tería responsabilidade.

Sigo sen saber situar, politicamente, o José Antonio anticapitalista, disposto a nacionalizar a banca e os grandes servizos públicos; a facer a reforma agraria e entregar as terras de labor aos labregos; o católico practicante que non quería un Estado confesional; o que admirou a Azaña e dicía aos amigos socialistas Indalecio Prieto e Teodomiro Menéndez que, se non fose polas súas ideas relixiosas, estarían xuntos en política. Eles e Negrín, Largo Caballero, Julián Zugazagoitia, Victoria Kent, Portela Valladares… respectárono e lamentaron a súa morte, como el lamentara a morte absurda do seu amigo García Lorca, a quen axudara a poñer en marcha La Barraca, con decorados do pintor falanxista Ponce de León. Ricardo de la Cierva chegou á conclusión de que, hoxe, José Antonio estaría no PSOE.

Nada que ver con Franco, evidentemente.