O equilibrio entre a renovación e a tradición

Sol Vázquez Abeal

OPINIÓN

18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O comercio de proximidade é un sector estratéxico á hora de avaliar a actividade económica e social galega. Ademais de xerar emprego, contribúe ao desenvolvemento das nosas vilas e cidades, mellorando a súa imaxe e potenciando o seu atractivo, a afluencia de visitantes e, en definitiva, o seu dinamismo.

Cada comercio galego é un proxecto persoal ou familiar, que representa o traballo de persoas que están a realizar un importante esforzo de adaptación ás novas realidades e ás recentes tendencias do mercado. As últimas tecnoloxías e os cambios nos hábitos de compra esíxenlles unha constante actualización para dar resposta a un mercado cada vez máis cambiante, onde a realidade virtual se mestura coa presencial, pero tamén onde os valores do comercio de proximidade cobran máis vixencia ca nunca.

Así, a calidade, o coidado, o trato personalizado, o respecto ao medio ambiente ou a procura dun estilo de vida saudable teñen cada vez máis importancia para as persoas consumidoras.

O comercio do século XXI debe apostar por estes valores e ofrecer ao cliente unha experiencia de compra diferenciada baseada nunha imaxe atractiva e na innovación, pero sobre todo en algo que sempre estivo presente na mente dos nosos comerciantes: o trato ao cliente, que se sitúa no centro de calquera estratexia comercial.

O Goberno galego é consciente da necesidade de acometer estes cambios no comercio galego e coa colaboración do sector elaborou o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio Galego 2015-2020. Unha folla de ruta dotada con 70 millóns de euros para poñer en marcha 55 accións específicas, artelladas ao redor de tres grandes retos: incrementar a competitividade do comercio de proximidade, impulsar a súa dixitalización e omnicanalidade e potenciar a súa excelencia, traballando na dinamización e na mellora continua.

Só a través da renovación e da actualización garantiremos a permanencia dun comercio de proximidade que debe preservar a súa esencia e tradición, sen renunciar a dar resposta ás demandas actuais dos seus clientes nun mercado cada vez máis global. Clientes que viven en calquera recuncho do planeta e que agora tamén demandan a posibilidade de poder comprar a golpe de clic. Os retos que se presentan para o comercio de proximidade son moi grandes, pero poden converterse tamén en grandes oportunidades. Da súa capacidade para reinventarse sen perder a súa esencia dependerá o seu futuro. A Administración galega seguirá ofrecéndolle todo o seu apoio para superar este desafío: o equilibrio entre a renovación e a tradición.