A Gran Guerra hoxe: sombras do pasado


O centenario do armisticio de 1918, celebrado en París coa reunión dos mandatarios herdeiros dos países participantes naquela guerra, é un momento propicio para pensar o presente. Aquela grande matanza de seres humanos en batallas que duraron meses e provocaron baixas por volta do millón de soldados deixou horrorizados os contemporáneos, que as definiron como picadoras de carne. Pero aquela guerra foi moito máis. Grande matanza xa fora a guerra civil norteamericana e tamén un anuncio da nova guerra industrial polas armas de repetición, os campos de prisioneiros, o número de mortos -dous terzos dos soldados morreron por enfermidades ou fame- e sobre todo porque a fotografía revelou por primeira vez a crueldade das novas guerras. Coa Primeira Guerra Mundial todo aquilo se multiplicou por trinta e estendeuse aos cinco continentes.

As causas da Primeira Guerra Mundial e as súas consecuencias son as que nos deben facer pensar hoxe. Todo empezou por uns dirixentes políticos somnámbulos que se declararon a guerra en Europa no verán de 1914, convencidos da oportunidade de aumentar o poder dos imperios que dirixían. Tal como os presenta Ch. Clark. Deforma o pasado Macron, no seu discurso sobre o armisticio, ao afirmar que a guerra foi causada polo nacionalismo. Algunhas das causas mediatas foron os desexos de expansión mundial duns imperios -os tres derrotados- fronte ao imperio colonial británico e o francés, e mais un longo período de globalización mercantil que definiu os termos dun conflito económico a escala mundial na procura de recursos e materias primas, xunto a unha carreira armamentística baseada na segunda onda da industrialización. O patriotismo da época -que Macron reivindica- foi o alimento ideolóxico da carne de canón que morreu por milleiros nas frontes.

Foi a derrota na guerra dos tres imperios multinacionais -alemán, austríaco e turco- e a descomposición do ruso o que abriu o camiño ás novas nacións centro europeas, tamén a Irlanda, ao nacionalismo xudeu e árabe ou ás novas nacións asiáticas. Os novos nacionalismos do século XX foron precisamente consecuencia da vitoria aliada fronte aos imperios centrais, expresada no dereito de autodeterminación dos pobos europeos, que só despois da Segunda Guerra Mundial sería aplicado tamén ao resto do mundo.

A outra grande consecuencia daquela guerra foi o desexo de paz e a creación incipiente de novos instrumentos internacionais de cooperación, empezando pola Sociedade das Nacións. Esa innovación de 1919 chamada multilateralidade e -esta si- positivamente reclamada por Macron o domingo, non logrou porén evitar que un renovado militarismo imperial, vestido doutra innovación chamada fascismo ou nazismo, fortemente apoiado na ciencia e na tecnoloxía, multiplicase vinte anos máis tarde os horrores da Gran Guerra. A negación do mariscal Petain como heroe francés explícao mellor ca nada. Estes días podemos distinguir, nas referencias a aquel pasado, a manipulación e a absurda deformación dos que falan del con desprezo da Historia e para levar a auga ao seus pequenos muíños electorais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

A Gran Guerra hoxe: sombras do pasado