A Galicia positiva

OPINIÓN

12 nov 2018 . Actualizado a las 10:48 h.

Hai unha Galicia negativa, na que, agás poucas excepcións, coexisten os seus pésimos políticos e unha suposta intelectualidade -con moitas pretensións e pouca bagaxe de cultura- que hoxe constitúe todo un exército, en expansión, de ocos simuladores, e uns e outros teñen un común denominador: que viven do conto. Confeso que foi unha experiencia nova para min, hai unhas semanas, nunha vila do interior do país, compartir mesas e manteis cunhas persoas que nin de nome coñecía, e de cuxas actividades sabía moi pouco; persoas creadoras de riqueza, que levan ilusión e esperanza á xente do seu arredor, sen fachenda, con humildade e con moita seriedade. Un mundo que nada ten que ver co que ten sido o meu mundo, cada día máis cheo de falabaratos satisfeitos de si mesmos, de simuladores. Un daqueles dirixe unha empresa que é a segunda de Europa nunha actividade moi especializada e tecnificada; outro dirixe máis dunha empresa do ramo da alimentación; a seguridade tiña tamén alí un senlleiro representante. Había algún máis, pero non me foi posible falar con todos eles. Eses si que están facendo o país, con moito esforzo, con ilusión, con moitos folgos, con enerxía e con intelixencia. Nada que ver con ese outro mundo de fachendosos baleiros, falsos intelectuais expertos en resentimentos e políticos afastados dos problemas do país real, vendedores de fume. Eles, eses homes que tanto me sorprenderon, si que son creadores (poetas, no sentido orixinario dos gregos) e só por eles o país segue existindo. Afastado de tanto simulador, falsos políticos e oca intelectualidade, que tanto privan hoxe entre nós, agradezo a estes homes que me permitan seguir crendo que este país aínda é posible. Porque tamén hai unha Galicia positiva. Non todo é fume.