Respostas de hoxe para unha AP-9 accesible

Ethel Vázquez Mourelle CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

OPINIÓN

11 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quixo a casualidade que durante unha recente viaxe familiar por España o meu fillo maior, de 11 anos, preguntase por que é posible cruzar a Península por autovía sen pagar, ao contrario que cando imos da Coruña a Santiago para visitar os curmáns. É certo que a xeografía e a orografía galegas dificultan a execución das infraestruturas, cuxo deseño pouco ou nada ten que ver co das que percorremos noutras autonomías. Pero é tamén verdade que, en cuestión de estradas e ferrocarril, a peculiaridade de Galicia se ten tornado en auténtica penalidade. A desigualdade da rede estatal de autoestradas e autovías é obvia aos ollos de calquera observador, mesmo para un neno. E esa realidade incuestionable faise lacerante cando conflúen acontecementos opostos: o anuncio da liberación da peaxe de autoestradas como a AP-1 e unha nova suba das tarifas da AP-9. Máis aínda cando sabemos que en 2019 virá outra, que se repetirá en 2020 e en 2021... porque o que vimos de asumir é só o primeiro dos vinte incrementos comprometidos e que deberán engadirse aos que, no seu caso, propicie o IPC. As razóns deste duro panorama son públicas e están plasmadas no Boletín Oficial do Estado: nun momento en que a crise minguara drasticamente a capacidade de investimento público, o Goberno presidido por Zapatero acordou coa concesionaria da autoestrada que esta asumiría o custo das obras de ampliación e, posteriormente, recuperaría os cartos -con avultados intereses- con subas acumulativas das peaxes. Hai, en efecto, razóns e responsabilidades detrás dun agravio que provoca a crecente e xustificada indignación dos galegos. Mais o deber dos que hoxe temos responsabilidades públicas é buscar respostas para o presente e o futuro. Así o entende a Xunta de Galicia, que desde o ano 2009 defende a transferencia da autoestrada á comunidade como unha garantía de mellor servizo, desde unha postura de elevada exixencia ante o Goberno de España. Debemos actuar, si, pero con responsabilidade e honestidade. Porque só o desembolso de moitos centos -mesmo miles- de millóns de euros a favor da empresa privada que é a concesionaria conseguiría a liberalización da peaxe da AP-9. Ese diñeiro sairía dos orzamentos públicos, perderiamos os cidadáns e seguiría gañando Audasa. Pero entre a quimera dun rescate e asumir que a autoestrada que vertebra o territorio no que vive o 60 % da poboación galega sexa inaccesible para parte da poboación existe un amplo terreo por explorar. Debemos facelo baseándonos na experiencia que funciona noutras comunidades autónomas, con fórmulas como bonificacións nas horas valle e outras que fagan máis asumible o custo aos milleiros os cidadáns que precisan empregar a diario a AP-9 para desprazarse aos seus centros de traballo, e que non contan con alternativas razoables libres de peaxe. Tras case unha década de defensa enérxica dos intereses dos galegos ante a autoestrada, sabemos que, aínda que é difícil, hai marxe de manobra para corrixir o rumbo. Negociando co Goberno Rajoy logramos liberar a Galicia da obriga de pagar 400 millóns de euros ata a fin da concesión pola bonificación das peaxes de Rande e A Barcala da AP-9, que aboabamos pese a ser unha autoestrada estatal.

E debemos seguir avanzando. O Ministerio de Fomento debe mostrar a sensibilidade necesaria para impulsar medidas que poñan freo á tensión crecente entre Galicia e a AP-9. E, se non, transferirnos a súa titularidade e deixarnos traballar por unha AP-9 accesible para os galegos.