Villarejo: «al camión»


Nas gravacións que se van publicando do comisario Villarejo no medio dunha campaña de extorsión sen precedentes descubrimos un mundo que vai moito máis alá das chamadas cloacas do Estado. En realidade todo o que se descobre son como escavacións arqueolóxicas abertas que permiten coñecer a supervivencia dunha parte do vello aparato policial franquista que superou o Rubicón de 1978. Un aparato formado na época da Guerra Civil e con adestradores e coachings tan sinistros como a Gestapo. A simple vista do día a día informativo, todas as novidades relacionadas con este caso poden parecer unha síntoma de corrupción, pero en realidade descóbrennos os códigos dunha complexa semántica dos últimos cincuenta anos e máis alá. O comisario Villarejo resulta unha revelación en si mesmo.

Hai unha famosa primeira entrevista con este personaxe feita en TVE, no programa Esta noche, do inesquecible Fernando García Tola, e presentado por Carmen Maura. Corría o mes de xullo de 1981 e pasaran pouco máis de catro meses do golpe de Tejero. O entrevistador era o xornalista Jesús de las Heras e Villarejo fala en calidade de secretario xeral do recentemente creado Sindicato Profesional de Policía, que agrupaba o 80 % do corpo fronte aos minoritarios e antes clandestinos Unión Sindical de Policía e Sindicato Unificado de Policía. O entrevistado era daquela un mozo policía de 30 anos que empeza por desculpar a ausencia do presidente do Sindicato -que non era tan novo nin tan disposto á publicidade- e responde as preguntas con tanto desenfado como laconismo. Preguntado pola imaxe que perdura dunha «policía facha heredada del antiguo régimen» responde con soltura que foi a policía quen máis asumiu a democracia, e aduce unha proba do máis chusco: que deteñen a xentes de esquerdas pero agora tamén a xentes de dereitas. Cousas do cambio, Villarejo foi entrevistado despois de Rafael Alberti e antes daquel simpático personaxe que respondía ao nome de doña Croqueta.

Máis chocante aínda me parecen algunhas das frases que se lle escoitan a Villarejo na conversa con Cospedal e o seu marido, cando repetidamente fala de botar «al camión» aos antagonistas e aos sospeitosos de favorecer a investigación da trama Gürtel. A expresión «al camión» lévanos directamente aos anos trinta, a unha época de persecucións e asasinatos en masa. Os «paseos», outra expresión dos anos trinta, eran en automóbil, pero aos que ían fusilar en grupo subíanos ao camión. Villarejo entrara na policía en 1971 e serviu na Brigada Político Social nos últimos anos do franquismo, cando a represión se recruou coincidindo coa esperada fin do réxime. Os trazos da súa linguaxe delátano aínda máis que as súas xa coñecidas accións, porque lembran a herdanza que trae consigo. A sordidez, perversión e impunidade das súas accións, que por fin saen á luz, ten fondas raíces por moito que a súa cara e a súa voz serviran na Transición para dar errada impresión de transformación e cambio. Ou por iso mesmo. Os erros páganse pero tamén poden corrixirse.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

Villarejo: «al camión»