A sobreprotección dos menores

OPINIÓN

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Educar e criar fillos creo que é un reto inmenso. Por moitas teorías, consellos, libros, revistas, artigos, comentarios, debates... un acaba perdido en moitas ocasións. Que facer? Como actuar? É difícil sabelo. Con todo, hai límites.

Non sei o que farían de pequenos na escola pero seguramente, na hora do recreo, xogaban. Ou desafogaban. Porque despois da clase había que liberar. Nese anaco de tempo libre corrían, brincaban, rubían árbores e reixas, berraban, enfadábanse cos compañeiros e rían con eles. Cantas veces caemos? Centos. Cantas nos golpeamos? Outras tantas. E... era marabilloso ser nenos. Vivín problemas? Si, coma en todos os colexios. Centos de nenos xuntos implican riscos.

Unha nena pillou o dedo na porta da entrada e case o perde. Outro abriu a cabeza e levou unha ducia de puntos. A miña nai, mestra, rompéronlle o nariz dun golpe non intencionado coa cabeza e tiveron que operala.

A outro profesor, polo mesmo motivo, case o deixan sen dentes, tiveron que pegarllos todos por dentro.

Despois das horas de clase, un día, caín da bicicleta derrapando na grava e fixen unha fenda na perna da que aínda vexo a cicatriz.

Nunha cella teño outra que nin lembro de que foi. E non pasa nada. Que é iso de que unha nai golpee a unha profesora porque o seu neno chegou cun golpe? Se fose algo reincidente entendo que pregunte, cuestione e pida responsabilidades. Pero nunca usar a violencia. Os humanos sabemos falar, algo que nos fai superiores. A protección dos menores non é isto.