A densidade cultural

OPINIÓN

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

desequilibrio na «densidade cultural» das distintas comunidades autónomas está moi relacionado coa acción das institucións para afrontar e acurtar as distancias internas e externas, e mellorar a situación. Dito doutro xeito, trátase, en boa parte, de reducir as diferenzas nas infraestruturas e nos equipamentos. Porque é isto o que explica o liderado de Madrid sobre outras comunidades, incluída a catalá, que, non obstante, mantén «un fluxo» significativo.

Cal é a manifestación máis visible e reveladora? Talvez o feito de que haxa artistas e actores culturais cataláns traballando en Madrid e, en cambio, poucos de Madrid en Cataluña. Algo que delata unha anomalía difícil de aclarar, porque non ten a explicación política que moitos cren, nin sequera a lingüística, senón outra máis elemental. A verdadeira diferenza está no censo dos equipamentos públicos, moito maior en Madrid que noutras comunidades, de xeito que a chamada densidade ou fluxo cultural non ten comparanza posible. Entre outras cousas porque os cataláns, temerosos de sufrir algún raro contaxio, tampouco favorecen o intercambio.

Aplicado isto a Galicia, permitiría descubrir analoxías. Porque a densidade cultural da nosa comunidade amosa tamén desequilibrios e deixa moito que desexar, con eivas lamentables. Mais no caso galego sucede que moitos dos nosos xeradores de cultura traballan tamén fóra, con notable presenza e recoñecemento.

Hai anos vivín unha experiencia clarificadora. Foi a rodaxe en 1999 da miniserie de televisión Road to Santiago (Camiño de Santiago), producida polo galego Pío Núñez, con guión de Arturo Pérez-Reverte e protagonizada por Anthony Quinn e Charlton Heston. Nunca entendín que a Xunta de Fraga non se implicase naquel proxecto, para favorecer o coñecemento internacional do Camiño. Non foi así e, ao cabo, Pío Núñez, nacido na Azúmara de Castro de Rei (Lugo) e produtor de éxito en Las Vegas e Hollywood, terminou a rodaxe como puido (coa serie asumida e emitida por Antena 3 TV, que salvou o proxecto). Supoño que Pío Núñez volveu decepcionado aos EUA. Falláralle a densidade cultural da súa terra natal!