Alcoa: capital e enerxía

Lourenzo F. Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

23 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cos millóns de euros en subvencións que as administracións levan dado ás factorías de Alcoa, os seus traballadores poderían vivir varias vidas sen ter que traballar. A empresa insiste, como en 2014 e 2016, que producir na Coruña e Avilés non resulta competitivo no actual mercado mundial, dado o baixo custo de produción noutras factorías e a abundancia de aluminio chinés no mercado a prezos baixos. O tanxible é que os traballadores van á rúa mentres que na última década Alcoa -grazas ás ameazas de peche- estivo pagando pola enerxía a metade menos que o resto da industria, e seis veces menos que os fogares. Outros pagaron logo os seus beneficios. Ademais de apoiar aos traballadores e criticar á empresa norteamericana pola inapropiada forma de actuar, imponse algunha reflexión. A do aluminio é unha industria típica de enclave: o mineral de bauxita procede de minas de Australia, China, Guinea, O Brasil ou A India e a súa instalación require man de obra cualificada e sobre todo moita enerxía a prezos moi competitivos. De feito algúns países máis produtores de aluminio, como Islandia ou os Emiratos Árabes, non contan no seu territorio cun só gramo deste mineral.

As plantas que agora pecha a dirección de Alcoa en Nova York superan o medio século de vida. A de San Cibrao foi inaugurada en 1980 e produce ademais a alumina (óxido de aluminio) a partir da bauxita, como materia prima básica para a produción do aluminio. Entre as tres fabrican case todo o aluminio primario -para transformación- no Estado. Na fin do franquismo, as políticas de planificación da Empresa Nacional de Aluminio (Endasa) deseñaron a planta mariñá, que, por ser moi intensiva en enerxía, levaba asociada unha central nuclear, así como un porto para a importación do mineral. A democracia mudou algunhas cousas: unha forte mobilización antinuclear paralizou a construción da central de Xove, sen pexa para a eficiencia da planta de San Cibrao nestas décadas e aínda agora, polo que se ve. Despois de 1977 tamén mudou a vella empresa nacional da autarquía na nova Inespal, ata que a súa privatización con Aznar trouxo ao xigante norteamericano que agora xestiona as plantas da Coruña, Avilés e San Cibrao.

A decisión de peche leva a dicir e a facer moitas cousas. Unhas con máis fortuna e sentido ca outras, pero o que se faga e diga neste momento marcará accións de futuro. En relación coa forma de entender dende a política -que debe defender os intereses da maioría- os intereses da empresa, e as súas recorrentes presións para obter vantaxes no prezo da enerxía. Ou coa forma de os sindicatos vincular os intereses dos despedidos, os da empresa e os do conxunto da sociedade e os traballadores que lles dan solidariedade. As unanimidades que parecen translucirse son sempre enganosas, porque en democracia non adoitan darse case nunca e porque os diverxentes intereses anularanas axiña. O capital non ten patria, a enerxía e os seus custos ambientais e territoriais si. E os traballadores.