Contaminacións tóxicas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Podería escribir de moitas cousas. Do erro de protocolo de Pedro Sánchez (non estudan iso antes dos actos? Non se preparan? Non hai un responsable de coordinación que llelo diga? Onde andan os asesores?). Tamén podería facelo sobre os tan comentados Presupostos. Ou das continuas agresións sexistas. Ata dos insultos que unha e outra vez voan polo Congreso adiante. Pero non. Non vou falar de nada diso. Hoxe vou escribir da contaminación. Da contaminación das ideas. Das transfusións que son un erro. Vaia, de xuntar o touciño coa velocidade. O que aconteceu en Mallorca é unha auténtica desgraza. Unha traxedia.

Nestes casos, a condición humana debe estar por riba de todo. Miren, cando o Prestige encheu de petróleo as nosas costas, eu enfundei un mono e púxenme a limpar. Mentres me caían as bágoas, entendín que todas as mans que vía eran poucas. Agradecín cada xesto, a todo o que se puxo ao meu carón a loitar contra o inevitable, porque estabamos enzoufados nun imposible. O mal xa estaba feito. Pero a axuda reconfortaba. Confraternizaba. Unía. A quen fose. Coma se ao lado cadrase o mesmo Nadal. A todos se lles daban as grazas.

O mesmo en Mallorca. El, un veciño máis, axudou coma outro calquera. Porque na man tiña un cepillo, ou unha pa, unha ferramenta, non unha raqueta. Quen o critica por iso, ten a contaminación dentro da cabeza. Non importan as súas ideas políticas, nin os seus logros deportivos. Importan as mans de veciño. Non mandou un vídeo de condolencia. Traballou.