A mirada plural

Antón Patiño PINTOR Y ESCRITOR

OPINIÓN

11 ene 2019 . Actualizado a las 13:37 h.

Ao redor dese vórtice creador chamado Eduardo Arroyo conflúen o pintor e debuxante, o gravador, o creador de obxectos, o escritor e mais o escenógrafo. Un creador exuberante que desenvolve un traballo arreo en moitas frontes. Soubo facer unha fusión orixinal entre a obsesión pictórica e literaria de xeito que formaran un corpo común. Foi sempre epicentro da polémica, endexamais quixo pasar desapercibido. Unha personalidade torrencial, provocadora, ateigada de paixón. Exiliado da atmosfera ruín do franquismo marchou a París á procura de osíxeno vital, nunha defensa da liberdade que ía precisar moitas canles de expresión. Participou mesmo en rechamantes perfomances e lendarios debates contra os anos 60 cos seus amigos e compañeiros de xeración na chamada “figuración narrativa”.

Eduardo Arroyo era moi bo conversador cun imaxinativo sentido do humor. Transmitía o recendo dunha pulsión cosmopolita, de quen participou nunha chea de batallas culturais, nunha rebuldeira bohemia inzada de anécdotas e situacións divertidas. A súa pintura ten unha débeda explícita coa linguaxe gráfica. Os seus cadros teñen sempre moito de enigma e xeroglifo, presentando unha trama que cómpre reconstruír cos datos illados que se amosan na superficie (prodixiosamente plana). Namorado dos libros e das imaxes. Grande cartelista á procura da síntese na comunicación visual. A intelixencia e ironía sempre están presentes, expresando unha insaciábel curiosidade cultural. Fixo da súa pintura unha lúcida amálgama de referencias e rexistros heteroxéneos. Ten moito de «espazo escénico» onde situacións, personaxes e obxectos entran en relación. A estética pop e pezas de denuncia social e crítica política (caústicas e corrosivas) nos anos 60.

Dentro da nova figuración postulou un traballo independente caracterizado pola pulcritude, economía de medios e precisión no trazo. A maxia elegante dos seus cadros (elaborados a modo), os lúcidos artigos de opinión, as súas declaracións sempre intempestivas, os extraordinarios ensaios, os fermosos retratos á liña que fixo dos autores que admiraba... Hoxe todo agroma arremuiñado definindo a fasquía dunha inqueda personalidade, única e inesquencíbel.