A herdanza de Miguel Cortizo

OPINIÓN

15 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A principios de xullo falecía Miguel Cortizo, un dos dirixentes máis destacados do socialismo galego, onde o foi case todo, dos últimos 30 anos; pasados tres meses do seu óbito, tal vez paga a pena facer unha reflexión sobre a súa figura cunha mirada xa máis serena.

Nace en 1951 en Zas, ao pe da Costa da Morte, no seo dunha familia ilustrada: a súa nai, a santiaguesa Lourdes Nieto, animosa e decidida, era mestra, o mesmo que o seu pai, Antonio Cortizo, pontevedrés de Cerdedo, se ben este completaría a súa formación de forma notable, con Filosofía e Letras e con Dereito, e pasando a exercer de avogado. Non é de estrañar así que os fillos daquel matrimonio fosen exitosos profesionais: José Antonio, notario; Gonzalo, avogado; Javier, profesor universitario, e Lourdes, doutora en Farmacia.

Miguel non seguiu o ronsel xurídico paterno e tras unhas dúbidas iniciais, recalou en Bioloxía; do fogar familiar en Zas marchou a finais dos 60 a estudar a Santiago, onde viviría cos outros irmáns. Alumno inquedo, coa efervescencia dos últimos anos do franquismo, entroulle o virus da política. Na facultade accedeu con rapidez a profesor non numerario (PNN) en Bioloxía Vexetal, onde fixo a súa tese doutoral, e a finais dos setenta era un dos que lideraba -de forma sensata- en Compostela as revoltas dos PNN, xunto con outro inefable PNN de Económicas, hoxe alcalde dunha importante cidade do sur de Galicia e que xa daquela presumía, oufano, de ter estudado en Cambridge. Curiosos aqueles PNN, un colectivo iconoclasta do que a nivel estatal sairían «primeiros espadas» como Rubalcaba ou Narcís Serra.

Cortizo velou as súas primeiras armas públicas na directiva de UXT-Galicia en 1981; despois entraba xa na directiva do PSOE galego.

En maio de 1984, con Carlos Pajares no reitorado da USC, sería vicerreitor de Estudantes; deixaría alí a súa pegada coa creación do COIE, a unidade para emprego para licenciados, ou nos estatutos da universidade, redactados no salón da súa casa, na compostelá rúa de Alfredo Brañas. A súa valía empezou a coller fama, e en outubro de 1987 -no segundo Goberno de Felipe González- marchou a Madrid, ao ministerio de Educación que dirixía José María Maravall -e despois Javier Solana- como asesor («fontanero», na denominación humorística que fixo fortuna, aplicado aos «señores con lanternas» do hotel Watergate dos que falaba Forrest Gump).

Dotado dunha intelixencia clara e rapidez de ideas, pero mirada longa, o traballo no ministerio acrecentou a súa visión estratéxica. Tras retornar a Santiago, foi deputado no Parlamento desde finais de 1989 ata 2001, anos co PSOE galego en horas baixas. En 1993 foi designado voceiro parlamentario, tarefa nada fácil na plenitude do Goberno Fraga, con quen a pesar das disputas dialécticas chegaría a cear nunha ocasión. Fronte ao «león de Vilalba», a súa lingua afiada faría as delicias dos xornalistas.

En 2004, Zapatero nómbrao embaixador volante para os emigrantes españois en Iberoamérica; en 2007 asome o posto de Embaixador de España en Paraguai, un paraíso natural pouco coñecido onde recibía con hospitalidade galega aos amigos que o visitaban; naquel refuxio de Asunción viviría uns anos de certa tranquilidade. En 2011 retorna a Galicia para exercer de Delegado do Goberno, apenas dez meses, pois enseguida foi elixido deputado no Congreso, onde estivo ata 2015. Pero tamén sufriu tragos amargos. En abril do 2001 un coche arrebataba a vida da súa filla pequena, Ana, estudante de Veterinaria en Lugo, arrollada cando paseaba polo Grove, onde veraneaba a familia. Era Ana a flor do fogar dos Cortizo-Rodríguez, e cuxa memoria os pais quixeron que pervivise nunha bolsa para estudar Veterinaria. En 2013, a súa muller, María del Carmen Rodríguez, profesora de Historia Medieval, falece de forma repentina. Natural de Ponferrada, formara con Miguel Cortizo unha parella coñecida e exitosa da sociedade compostelá, se ben levaban algún tempo distanciados.

Nacido en Zas e falecido en Madrid, Cortizo formouse como persoa e viviu en Santiago; falamos dun home que no ámbito persoal, superada a barreira inicial, era entregado e moi simpático. De conviccións sólidas, mantivo unha coherencia ideolóxica envidiable, e nunca o salpicou a corrupción, ese mal que inza a política coma os vermes na froita podre, e presenta unha folla de servizo público de máis de 30 anos, sen mácula; sen dúbida, a mellor herdanza para o seu fillo Iván.