Problemas de concentración

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

14 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica os gurús de Seattle hai tempo que decidiron mandar os seus fillos e fillas á escola tradicional, polo menos ata os sete ou oito anos, ata que deprendan as primeiras destrezas do coñecemento: libros, lapis e cadernos para escribir a man. As pantallas, os teclados e as tabletas, para despois. Cada cousa na súa sazón, que dirían os clásicos.

Seattle é unha das grandes capitais da nova economía norteamericana, corazón de numerosas empresas de proxección internacional relacionadas coa cultura dixital, entre elas a popular Amazon, seguramente a máis coñecida. En Seattle, cunha das administracións políticas máis progresistas dos Estados Unidos, berce de importantes movementos de rock, música sinfónica, arte e coñecemento da sociedade global, desenvólvense algunhas das máis importantes estratexias da nova tecnolóxica do século, a gran revolución dixital que conforma xa os nosos hábitos, incluídos consumos privados, domésticos.

Emmanuel Macron vén de promover unha lei para a prohibición da telefonía móbil nos colexios e liceos franceses aos menores de 15 anos. O debate está vivo. A recomendación inicial é educar as familias, o profesorado, os rapaces, a sociedade en xeral no uso destes novos artefactos, igual que debemos traballar na escola, critica e ordenadamente, a xestión de Internet, as redes sociais, etcétera, o mundo que nos rodea, en definitiva. Pero ese mundo é extraordinariamente sedutor, ten moitos mecanismos que atrapan, mesmo que crean adición, sobre todo entre a xente máis nova. Como medida preventiva, a Administración francesa decidiu actuar. A idade media de consumo de telefonía móbil en Francia anda nos 11 anos. ¡En España nos 8 anos! Falamos de móbiles de uso privado nos nenos.

O tempo que por termo medio botan os rapaces diante dunha pantalla, sexa de ordenador ou de televisión, non baixa nestes momentos das cinco horas e media diarias (entre programas de televisión, videoxogos, internet, etcétera), cinco horas e media intensas, bastante máis ca calquera outra relación de socialización. Non computan as redes sociais, que xa non son exclusivas dos adolescentes, senón que empezan na idade infantil. Os nenos veñen da escola e na meirande parte dos casos aparcan diante do televisor, en parte porque os país e as nais veñen moi apurados da xornada laboral, ou non poden atendelos ata mais tarde.

Son os tempos. Mais hai que operar pedagoxicamente nestes novos tempos, advirten os señores de Seattle. Logo de varios estudos extensivos, non só nesta cidade norteamericana, estámonos a decatar de que os índices de concentración dun mociño diante dun texto (a lectura profunda, que é a fundamentación primeira do coñecemento) non vai máis alá dun folio: tres minutos. Non son apocalíptico, os lectores que me seguen ben o saben. Pero algo está pasando e deberiamos pararnos a pensar.