Non me atrevo a poñer o título

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

03 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As nais non nos permitían ás nenas dicir bocaladas, así que o que Willy Toledo escribiu no seu Facebook está tan fóra do meu vocabulario que non me atrevín a titular así esta columna, aínda sabendo que debería facelo, pero teño medo a que mamá me rife ou a darlle problemas ao meu periódico. Pero mamá, ese era o título axeitado, xa sabes, porque os títulos deben ser claros, concisos, e resumir a historia. Convén lembrala.

1.- Unhas mulleres en Sevilla fan unha parodia de procesión chea de bocaladas, pola que son xulgadas por mor dunhas denuncias que poden ser obxecto doutra columna que non me atreva a titular.

2.- O actor Willy Toledo apóiaas escribindo iso que mamá non me deixa dicir.

3.- A Asociación Española de Abogados Cristianos, aos que, non sei por que, imaxino pechados no baño cunha botella de whisky nas mans, dáse por aludida e denuncia ao actor.

4.- Admite a trámite a denuncia un xuíz que, aínda que nunca coa toga posta, digo eu que diría algunha vez unha bocalada, ou polo menos algún día aturaría, sen enchironar a ninguén, nun bar cheo de señores berrando burradas cando Messi falla.

5.- Toledo é procesado e Internet ínzanse de xente dicindo palabróns, xente que non é procesada, claro.

6.- En vez de preguntarnos en que clase de país un xuíz no seu san xuízo admite a trámite o despropósito, andamos discutindo se Willy Toledo tería que ser boíño e aturar que se rían del as cloacas do país.

7.- De súpeto pregúntome por que esa asociación de avogados concreta dedica o tempo a isto pero nunca denunciou casos de abusos sexuais a menores cristiáns.

Ás veces, a desobediencia é imprescindíbel para manter unha certa dignidade. Mamá, perdón.