Mala cousa a mala política

OPINIÓN

01 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A mala política, aquela que non ten en conta que os gobernos e os políticos son elixidos para que xestionen ben os intereses da sociedade, leva ás xentes a moverse polos impulsos das emocións, á marxe da racionalidade. Porque ve que os seus intereses acostuman importar pouco aos elixidos. 

Agóchano botando nubes de fume que van dende a ocultación da realidade ao embuste, pasando polas máis ensarilladas terxiversacións. Tanto que se pode asegurar que sen embuste, e ademais ao chou, non hai política no país en que vivimos. A falta de ética resulta máis á vista naqueles que, por teren unha actividade tan pública como os políticos, máis se nota, por máis expostos á crítica e ao axuizamento xeral. Así como a política grande leva sempre unha forte carga de pedagoxía, e de exemplaridade, a mala política deixa un pouso de decepción, de frustración e de esterilidade. E de desilusión. Porque a sociedade pode sentirse enganada e vítima dos seus embelecos. Por iso é tan mala a mala política. Por riba de todo, para a mocidade. Na idade das ilusións e de encarreirar a vida, o porvir que hoxe se lle ofrece é a mentira e un mundo que non semella de cobiza para quen teña aspiracións rexidas por ese mínimo de ética que, como persoas, nos é esixido e nós esiximos. Mala cousa que a mala política leve ao escepticismo da xente nova, porque supón moi grave eiva sumada a outras que parecen dispostas para poñerlle moi escuro o seu porvir, para que as emocións rexan sobre a racionalidade, para que a solidariedade esvaeza, para que tanta frustración a leve dereita á esterilidade, ou, cando menos, ao aburrimento. Mala cousa, abofé.