Comparanzas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

25 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Grazas á miña profesión visitei a Bretaña en numerosas ocasións e, ás veces, con tempo abondo para poder percorrer lugares que me resultaban de interese nesa terra xemelga da nosa Galicia. Nunha primeira ollada a diferenza máis significativa pode ser a orografía, xa que, mentres que aquí as montañas perfilan os horizontes constantemente, alí o territorio semella unha inmensa Terra Chá; o monte máis alto non chega aos 400 metros de altitude. A vexetación é moi similar, só que alí non hai eucaliptos. A arquitectura das casas está moi ben coidada e ordenada, as formas tradicionais son moi parecidas ás nosas e os teitos son maiormente de lousa -por certo, moita dela galega-. A costa é similar, recortada e granítica. Son moi relixiosos e vibran, emociónanse e choran ao son das binious (gaitas), mentres contan de xeración en xeración historias de cidades asolagadas idénticas ás que podemos escoitar aquí; comen unhas filloas chamadas crêpes e gústalles moito a sidra e o viño. Pero na Bretaña descubrín algo que me fascinou: os megálitos, dolmens e menhires fundamentalmente, que coidan coma se cada un deles fose un auténtico tesouro, que o son; pero o máis importante é que eles son conscientes e fano. A Bretaña ten arredor de 6.000 menhires e máis de 1.000 dolmens; lugares como Carnac ou os cairn de Barnenez e Gavrinis abraian pola historia que encerran. Sen sabelo, decateime de que coñecía dúas palabras de orixe bretoa: menhir, derivada de men (‘pedra’) e hir (‘longa’), e dolmen, de taol (‘mesa’) e men (‘pedra’). Estar nestes lugares, e ver o que sentían por eles, fíxome viaxar por Galicia e descubrir que temos, tamén, un enorme patrimonio megalítico por descubrir e valorar, pero ao tempo deume moita coraxe ver como estaban moitos destes vestixios por culpa do abandono e da desidia.