Maquiavelo acertou

OPINIÓN

17 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Maquiavelo acertou cando escribiu que coitado do político que, no canto de ver a realidade como é, teima en vela como el quixera que fose. Penso que ese foi un dos peores erros das opcións que a si mesmas se chaman progresistas pero que, na realidade, acostuman quedar moi lonxe de calquera idea de progreso. Paréceme que o máis progresista, en Galicia, é empezar por teu unha idea cabal da súa realidade total, dende a súa configuración física á súa cultura, dende o seu presente ao seu pasado, dende a súa sociedade, más complexa do que moitos pensan, ata a súa diáspora -chea de posibilidades e sempre esquecida pola torpe política duns e doutros, sen excepción-, dende ter unha idea dos seus fracasos históricos ata ter unha visión realista das súas posibilidades de hoxe e dun próximo mañá. Só así poderemos empezar a tratar en serio de desenvolver as súas potencialidades. Iso é algo que sempre boto de menos nos programas e propostas dunhas e doutras opcións políticas. Tanto que, en moitas ocasións, un ten a idea de que moi ben puidesen referirse a outro país calquera, seguro que por aquilo de que os programas dos partidos están xusto para seren incumpridos.

Pero así non se leva ilusión á sociedade, non creamos para ela esperanzas de transformación, e desa maneira non poden crer en nós. Estou seguro de que o país agradecería que lle ofrecésemos un proxecto que xerase ilusión, que lle dese esperanzas reais, respectabilidade e credibilidade. Esa é, ao meu ver, a tarefa de maiores dimensións que a política galega ten pendente. Unha política grande á que non estamos afeitos. Unha política que esixe que os nosos representantes aprendan a ver a realidade do país e non un país que só existe nos seus proxectos. Maquiavelo tiña moita razón.