Matanza de árbores

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

26 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha árbore é un ser vivo cunha lonxevidade maior que a dunha persoa. Isto implica que, cando cortamos unha, estamos matando algo que pode ser máis vello ca nós, e teremos que esperar unha gran parte da nosa vida para volver a ver outra razoablemente grande no seu sitio. Coméntolles isto ao abeiro da normativa que esixe cortar árbores nunhas franxas ao carón das estradas para previr a propagación de lumes. Galicia ten uns 20.000 quilómetros de estradas principais; se acoutamos unha franxa de 10 metros a cada lado, a superficie total é de 40.000 hectáreas, máis que a superficie total queimada na vaga de lumes do ano pasado. Certamente non toda esa franxa é forestal, pero tamén hai moitas estradas secundarias que quedan fóra da conta (ao incluír as secundarias, un concello como Carballo ascende xa a 1.200 quilómetros de rede viaria).

 

Creo que a normativa non tivo moita discusión no Parlamento galego, nin escoitei moitas reaccións en contra dela noutros eidos, así que imaxino que estará ben fundamentada; pero baixo a súa febre estou vendo caer dende hai meses árbores que non tiñan que caer, e iso é o que me preocupa. As árbores son un dos meirandes tesouros do planeta: converten a materia inorgánica en orgánica, capturan CO2 e liberan osíxeno, pero fano moi caladamente e non berran cando lles facemos dano. E logo están as cuestións de gustos: prefiro as terras frondosas aos páramos e os desertos. Galicia goza como moi poucos lugares dese tesouro e deberiamos aprender a apreciar a sorte que temos.